Concello da Cañiza mellorará o convenio coa Asociación de Saúde Mental Avelaíña

En xuño de 2022 acordou a concesión dunha subvención anual de 1.825,49€

A Cañiza | O pasado mes de xuño o Concello asinou o 1º Convenio de colaboración coa Asociación polo que se acordou a concesión dunha subvención anual de 1.825,49€ e a cesión gratuita da instalación municipal do Edificio Multiusos da Cañiza para a atención do Servizo. Neste centro dispón dun aula e dous despachos para atención grupal e individual.

Con máis de 25 anos de experiencia, Avelaiña colabora na Cañiza atendendo aos veciños e os seus familiares, dentro programa “achego” e o “servizo de información e asesoramento en saúde mental”. Un servizo que ten como finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

A Asociación inaugurou o pasado ano un novo centro no Concello de Ponteareas, máis amplio, adaptado e acorde cos servizos prestados en toda a Comarca.

Nesta liña, os Concellos beneficiarios acordaron, nunha reunión celebrada o pasado 24 de outubro, axudar a Avelaiña cunha nova aportación económica que lles axude a costear parte dos gastos derivados do aluguer deste novo centro. Para A Cañiza supón a aportación de 1.093,70€uros máis, desagregados en 600€ de cuota fixa e outra variable de 493,70€  Estas dúas cantidades veñen a sumarse aos 1.825,49€ do Convenio inicial, resultando un total de subvención anual de 2.919,19€uros.

O Alcalde Luis Piña manifestou esta mañá “a satisfacción de continuar traballando con esta Asociación que leva dende o ano 2016 traballando neste Concello, no primeiro andar do Edificio Multiusos, a través do Programa Achego aproximando a atención á saúde mental e proporcionando o apoio necesario a moitos cidadás.”.

Ademáis, sempre que os profesionais valoren a necesidade, algúns usuarios do Centro da Cañiza se derivan á sede de Ponteareas que da unha cobertura mais ampla aos dous principais servizos de Avelaíña na Comarca de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Estes servizos son o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) inaugurado no mes de marzo de 2022, de atención diurna, con 30 prazas concertadas co SERGAS e dirixido a persoas con trastorno mental grave, de idades comprendidas entre os 16 e os 60 anos. 30 prazas das cales 6 están ocupadas por persoas da Cañiza, o que supón un 20% do total. E o outro servizo, igualmente importante é o desenvolvido a través do Programa Achego. Un programa de atención comunitaria á saúde mental, no rural, que comezou a súa andadura no ano 2016.

Nas Unidades de Apoio Comunitario (UAC) do programa, con sede en Ponteareas e na Cañiza, ofrece un servizo de información e asesoramento en saúde mental aberto a toda a poboación. No pasado 2022 atenderon na Cañiza a 9 veciños. Conta ademais cun servizo de Apoio Integral en saúde mental (psicoloxía, traballo social, educación social), atención de proximidade (para aquelas persoas que teñan dificultades para asistir á UAC) e accións socioeducativas de prevención e promoción da saúde mental.