Compostela, escenario da primeira “Silent Wifi Music Experience” dentro das Xornadas de Música Contemporánea

Un concerto anovador, unha experiencia multisensorial suxestiva e íntima, unha viaxe cun piano silencioso... No silencio da noitiña, un piano de cola Yamaha equipado coa novidosa tecnoloxía Silent, audible a través de auriculares wifi, ofrece unha experiencia única para o público, que pode percorrer libremente nun radio de 500 metros inmerso nun microcosmos auditivo.

Compostela | A cita será mércores, ás 21:30 horas, na praza de Cervantes, e os auriculares poderán recollerse a partir das 20:30 h cubrindo un documento e deixando o DNI en depósito. O público pode moverse libremente mentres escoita o concerto. O programa escollido para esta experiencia musical recolle obras de autores contemporáneos, música popular trasladada ao piano e clásicos revisitados, incluíndo a visita a Galicia do Pergamiño Vindel coa música de Martín Códax. Os compositores galegos Octavio Vázquez e María Mendoza comparten programa co arxentino Ginastera, o finés Einojuhaani Rautavaara e o estonio Arvo Pärt.

Esta proposta está enmarcada dentro das Xornadas de Música Contemporánea que se están a celebrar en Compostela do 6 ao 29 de xuño, organizadas polo Concello de Santiago, a USC, A Deputación da Coruña, o CGAC e o Consorcio de Santiago. Baixo o título “Música, Emoción e Memoria” a proposta deste ano celebra a pegada e a obra de Enrique Xerardo Macías (1958 – 1995), compositor vigués que abriu a música galega a outras sonoridades e formou parte dos fundadores deste certame en 1987. Nesta edición decidiuse trasladar o mes de celebración das xornadas á temporada estival para repartir a programación ao longo do ano e tamén para poder celebrar concertos ao aire libre como este que hoxe presentamos. A actividade é de balde cun límite de 300 auriculares.

Javier Otero, piano

“Javier Otero Neira mergúllese con éxito e admirable refinamento no universo do Impromptu, a través de páxinas de Chopin, Schubert e Fauré. Un valor a considerar”. Justo Romero – Revista Scherzo.

Javier Otero forma parte dunha nova xeración de pianistas novos españois con proxección nacional e internacional. Inicia os seus estudos musicais na súa vila natal (A Estrada – Pontevedra). Formado cos pianistas Nicasio Gradaille e Ángel González, trasládase ao Real Conservatorio Superior de Música de Madrid para cursar os seus estudos superiores coa catedrática Almudena Cano. Gañador de premios en concursos nacionais e internacionais, destaca o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Piano Blüthner (Alemaña). Actuou en directo para Radio Clásica e participou en gravacións para a televisión de Croacia, TVE e TVG. Especialmente destacables foron as súas interpretacións na Fundación Juan March (Madrid), o Instituto Cervantes de Tokio e dentro do ciclo de pianistas Ángel Brage do Auditorio de Galicia, sendo o primeiro pianista español convidado; tamén foi o primeiro pianista galego en realizar unha xira coa Real Filharmonía de Galicia. Conta con dous traballos discográficos: Impromptus (2015) e Galician Folk Songs (2016), xurdido da creación dun concurso de composición de obras para piano só con temática galega. No seu achegamento a diferentes músicas, iniciou hai uns anos un proxecto co pianista de jazz Abe Rábade, “Dúas visións a dous pianos”. Ademais de intérprete, é o director artístico do Festival Piano Meeting, que celebrou a súa primeira edición no 2017 en Ourense.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!