COGAMI logra a inserción laboral de 63 persoas

A través do seu Programa integrado de emprego con 131 participantes

Santiago de Compostela | O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) está a desenvolver, dende inicios deste ano e ata finais do que vén, un Programa Integrado de Emprego co que pretende impulsar as condicións de empregabilidade dentro do grupo social das persoas con discapacidade, ademais de favorecer e mellorar as súas condicións de traballo.

Este programa estase a levar a cabo nas instalacións que a Confederación ten nas cidades de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, contando cun equipo técnico de inserción laboral formado por seis profesionais que atenden ás 131 persoas seleccionadas: 26 de A Coruña; 22 de Ferrol; 15 de Lugo; 25 de Ourense; 21 de Santiago e 22 de Vigo.

O Programa Integrado leva parello un compromiso de inserción por conta allea ou propia, como mínimo, do 35 % das persoas participantes.

Polo de agora, COGAMI está a cumprir con este compromiso, chegando incluso a superalo: actualmente está a traballar o 47 % das persoas que entraron dende xaneiro no programa. Por oficina, en A Coruña inseríronse 9 persoas; 12 foron en Ferrol; 8 en Lugo; En Ourense 12; 16 en Santiago e 4 persoas inseríronse en Vigo.

Este Programa Integrado é o resultado dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Cermi Galicia, entidade da que forma parte COGAMI, para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade en Galicia a través dos fondos da Unión Europea Next Generation EU vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), de apoio ao o investimento para lograr unha recuperación sostible, dinámica e resiliente do mercado de traballo.

Como se desenvolve o Programa Integrado
O Programa Integrado conta dunha serie de accións que parten cunha entrevista personalizada que servirá para establecer unha diagnose sobre a empregabilidade da persoa usuaria do programa e, en base ao resultado acadado, para trazar un itinerario de inserción.

Nesta primeira entrevista, a profesional de inserción laboral coñecerá as capacidades e aspectos a traballar da persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo. Para acadar estas melloras, apóstase pola formación, como a oportunidade que suma posibilidades para introducirse no mundo laboral. Algúns cursos xa impartidos contemplaron temáticas como servizo de limpeza e desinfección sanitaria, atención ao cliente e ao público, persoa operaria de almacén con carné de carretilla e transporte adaptado.

Ademais, co fin de que a persoa medre persoal e profesionalmente, o programa integra unha serie de accións complementarias no que se ofrece información, orientación e asesoramento; formación e prácticas laborais; técnicas de motivación para a busca de emprego; obradoiros tanto dirixidos a como afrontar unha entrevista como tamén de competencias dixitais e manexo das TIC; práctica de actividades para fomentar a capacidade emprendedora, prospección de empresas e intermediación laboral.