“Coa Asociación de Cidades Colombinas pretendemos ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade”

Carlos Gómez Prado | Alcalde de Baiona

Do 3 ao 5 de marzo, Baiona acollerá unha nova edición da Festa da Arribada, evento que conmemora o 530 aniversario da chegada á vila da Carabela Pinta co anuncio do Descubrimento de América. Desde 2015 é considerada Festa de Interese Turístico Internacional. Falamos co alcalde baionés Carlos Gómez Prado sobre a edición 2023 e outros aspectos da vida municipal.

Que novidades temos de cara á Festa da Arribada 2023?
Dado o éxito da Arribada 2022, na que aplicamos as medidas COVID correspondentes, vanse manter as mesmas, especialmente as desinfeccións. Os postos de artesanía van ir nas rúas Carabela La Pinta e Marqués de Quintanar deixando espazo máis libre dentro do casco vello. Contaremos con algunha novidade a nivel cultural toda vez estanse instalando as casetas en todo o Concello. Ademais obviamente estarán o Mercado Medieval, a cetrería, todas as actividades propias da Arribada. Agardamos por suposto ter bo tempo para que os visitantes poidan desfrutar da festa.

Haberá coordinación en materia de seguridade a nivel de Val Miñor?
Si. Na Mesa Local de Seguridade participamos a Policía Local baionesa, a Garda Civil e o xefe da policía local de Nigrán para garantir a cobertura necesaria en materia de seguridade. Haberá un importante dispositivo policial con reforzos doutras policías locais, ademais de Protección Civil e a Axencia Galega de Seguridade Pública. Tamén para garantir a seguridade facilitaremos o transporte público os días 2 e 3 de marzo de Baiona ao Porto do Molle e Vigo. Tamén haberá dispositivos de seguridade contra a violencia de xénero.

A Festa da Arribada foi recentemente presentada en FITUR. Que receptividade tivo entre os asistentes?
A presentación en FITUR estivo enmarcada dentro doutras festividades de interese turístico nacional e internacional. A aceptación foi boa, con moita afluencia de público pero tamén hai que dicir que un pouco desvirtuada polo escaso tempo que tivo para facerse a presentación. Con todo marcamos tendencia porque a Arribada é a primeira festa do ano que se celebra en Galicia.

A Arribada é Festa de Interese Turístico Internacional. Existe algunha perspectiva no horizonte para alcanzar outro tipo de recoñecementos?
Máis que buscar outros recoñecementos creo que é importante ir facendo mellor as cousas. O obxectivo debe ser mellorar, e así os recoñecementos chegarán sós.

“A Asociación de Cidades Colombinas, CICO, nacerá o vindeiro 22 de febreiro na Casa de América de Madrid”

En 2022 o Concello asinou o Manifesto de Baiona para impulsar o “Roteiro Colombino do Encontro entre Tres Mundos”. Que pode falarnos desta iniciativa?
O vindeiro 22 de febreiro na Casa de América de Madrid farase a presentación da creación da Asociación de Cidades Colombinas, que vaise chamar CICO. Estarán presentes Santa Fe de la Vega de Granada, Palos de la Frontera, La Gomera e Baiona. Tamén estarán a Diputación de Huelva, a Deputación de Pontevedra e posiblemente a de Granada e o Goberno Autonómico de Canarias e agardamos a presenza do ministro de Asuntos Exteriores, do presidente de Casa de América e diversos embaixadores. Pretendemos crear unha Fundación coa intención de ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Tamén buscamos o ingreso doutras cidades como Granada, Las Palmas, Barcelona, Lisboa para despois cruzar o Atlántico. Nós chamámoslle Encontro de Tres Mundos porque incluímos a Canarias e tamén a Cabo Verde para que o continente africano estea tamén inmerso neste proxecto.

Plan de Mobilidade de Baiona (PMUS). Estamos ante un modelo urbano integral e sostible?
Xa na pasada campaña electoral considerábamos que Baiona nunca mirou de cara ao futuro e que tiña que crear un proxecto a longo prazo, a dez ou quince anos. Co PMUS asentamos as bases dun proxecto sostible asinando un plan de investimento turístico de 2 millóns €. Estamos traballando noutras iniciativas para facer unha Baiona máis accesible e atractiva. É un modelo integral e transversal non unicamente en materia de urbanismo senón de investimentos e de creación de emprego.

“Co PMUS asentamos as bases dunha Baiona mais sostible”

Que expectativas ten de cara ás vindeiras eleccións municipais?
É unha situación inédita porque afrontamos por primeira vez na historia da democracia unhas eleccións dende o goberno. Estamos ilusionados en que o PSOE de Baiona teña a maioría suficiente para poder facer un goberno estable, progresista e de futuro, superando o estancamento como fixeron os gobernos do Partido Popular nos últimos vinte anos.

Moito se ten falado da volta de Vázquez Almuíña como candidato do PP baionés. Como o ve?
A súa volta vén provocada por unha decisión dende arriba, onde nos consta que el mesmo non quería ser candidato. É malo para Baiona porque xa no ano 2015 abandounou aos seus veciños e veciñas. Eu pido aquí publicamente que asine un papel conforme cando perda as eleccións, que se quede a defender a tódolos veciños e veciñas da nosa vila.

Nós non queremos inmiscuírnos na súa elección, as explicacións téñenla que dar eles. Nada máis hai que ver o seu discurso de presentación de candidatura no Partido Popular de Baiona onde está claro que non está á altura. Incluso o presidente da Xunta falando da “peor Baiona dos últimos corenta anos” cando podemos dicir que a peor Baiona a collemos nós no ano 2019, cuns datos demoledores de destrución de emprego (35 prazas). Almuíña abandounou Baiona para ser Conselleiro de Sanidade cunha xestión nefasta onde tamén abandonou o barco en plena pandemia. E pouco máis hai que dicir do seu papel ao fronte da Autoridade Portuaria, deixando moitísimo que desexar.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.