Cita coa música en Ponteareas co festival cultural Convergências Portugal-Galicia

Eeste venres 18, ás 20 h, no Auditorio Municipal

Ponteareas | Ponteareas converterase este 18 de marzo en escenario dunha nova cita co 8º festival cultural Convergências Portugal-Galicia, que achega á vila dúas propostas de artistas de ambos lados do río Miño para que a veciñanza poida gozar das súas interesantes creacións.

Así, este venres a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá un evento dobre que arrancará ás 20.00 horas coa presentación do proxecto ‘Meniños cantores 2’ da Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte… nas Ondas!’. O seu presidente, Santi Veloso, descubrirá ao público esta proposta na que participaron 17 centros educativos de Galicia e Portugal prepararon un repertorio musical que transcende o territorio poñendo en diálogo permanente as dúas beiras da fronteira.

O resultado é unha serie documental, unha web, un glosario e un libro disco composto por 17 cancións de música tradicional e popular apadriñada por varios artistas que poñen a súa voz e a peza ‘Máis perto’, himno do proxecto.

A xornada continuará ás 20.30 horas co concerto de Sérgio Mirra Trío, un multi-instrumentista de cordas desexoso de transmitir ás vindeiras xeracións o riquísimo tesouro que é a música tradicional portuguesa e os instrumentos tradicionais. Un espectáculo cheo de ledicia, bo humor e unha escolma de pezas musicais cantadas e instrumentais recollidas por todo o país, de norte a sur, pasando tamén polas illas. Todo cunha identidade moi propia e persoal, cunha mestura de ritmos moi diversos e tratando de facelas atractivas e contaxiosas para o público que as escoita.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca a importancia de que Ponteareas forme parte deste importante festival transfronteirizo que permite “continuar estreitando conexións culturais e históricas entre Galicia e Portugal” e convida á veciñanza a asistir a esta cita de gran valor artístico e cultural.

Día da Poesía
Como cada 21 de marzo, o Concello conmemora o Día Mundial da Poesía en Ponteareas cunha morea de actividades abertas a toda a veciñanza nas que galardóns, poemas, ilustración, música e o propio público serán os grandes protagonistas.

A programación arrancará este mesmo domingo 20 de marzo ás 19.00 horas coa entrega de premios do IV Concurso de Poemas Ilustrados de Rosalía de Castro, un certame no que participaron nenos e nenas do CEIP Santiago de Oliveira, do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Guláns, do CEIP Fermín Bouza Brey, do CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e do CPR Plurilingüe La Inmaculada. Máis de 60 traballos presentados que terá que valorar o xurado para agasallar as mellores propostas.

A gala contará coa actuación das Punkiereteiras, un grupo de mozas ponteareás que comezaron como un obradoiro de pandeireta e canto tradicional no CSA O Fresco e que acabou por converterse nun arma de loita e reivindicación coa que expresan as inxustizas con toques de humor.

O propio Día da Poesía, o luns 21, o Concello organizará unha sesión de micro aberto na entrada principal do Auditorio Municipal a partir das 11.30 horas, na que participará alumnado dos centros escolares pero que tamén está aberto a todos os públicos. “Convidamos a todas e todos os ponteareáns a que se acheguen e collan o micro para dedicarlle un intre a ler poesía, nesta ocasión relacionada coa ciencia”, anima o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba.

Para máis información sobre a sesión de micro aberto as persoas interesadas poderán poñerse en contacto con Cultura a través do correo electrónico: departamentocultura@ponteareas.gal ou do teléfono 618 705 635.