Cincoenta anos non son nada.

A consultora Goldman Sachs vén de publicar un informe prospectivo sobre as principais potencias económicas para o ano 2075, ou sexa practicamente dentro de cincoenta anos. E cando falamos de potencias económicas tamén analizamos as súas respectivas potencialidades militar e xeopolítica.

A troika de superpotencias para finais deste século son estas e nesta orde: China (1º), India (2º) e EE.UU (3º). No “top 10” de Goldman Sachs domina claramente Asia: xunto a China e India están Indonesia (4º lugar) e Paquistán (6ª) Visto así, o XXI é claramente o século asiático.

Un dato curioso a tomar en conta: un informe da CIA de 2000 facía tamén unha análise prospectiva sobre as potencias e os riscos para a seguridade mundial en 2020. Segundo este informe, Indonesia estaba entre os países máis conflitivos para a seguridade global, sinalado practicamente como un “Estado fracasado”. Como cambian as cousas en a penas vinte anos: hoxe Indonesia é unha potencia emerxente camiño de marcar pauta neste século.

Seguimos con Goldman Sachs que, como a CIA, pode tamén equivocarse. Para 2075 África terá representación con Nixeria (5º) e Exipto (7º) Europa con Alemaña (7º) Ademais de EE.UU (3º), América estará presente con Brasil (8º) e México (10º). Se temos que valorar esa clasificación no contexto 2023, deses 10 países, catro son potencias nucleares (China, India, EE.UU e Paquistán) Non sabemos se Berlín, Brasilia, O Cairo e Iakarta serán potencias nucleareas para as próximas décadas pero, tomando en conta a imprevisible e volátil xeopolítica global, todo é posible. E isto pode tamén influír na perenne aspiración de moitos deses países por “sincerar” os equilibrios de poder mundial a través de institucións globais como a reforma da ONU e, principalmente, do seu Consello de Seguridade.

Vaiamos agora a clasificación dos postos 10 ao 15 para o 2075. Caen da lista do “top 10” outrora grandes potencias como Gran Bretaña (11º), Xapón (12º) e Francia (15º) Rusia está o posto 12 (seguirá para aquela en guerra con Ucraína?) mentres Asia volve á carga con Filipinas (14º) E España? Non está entre as 20 grandes potencias.

A consultora tamén adiantou a súa clasificación para o 2050 con este orde das quince grandes potencias mundiais: China, EEUU, India, Indonesia, Alemaña, Xapón, Reino Unido, Brasil, Francia, Rusia, México, Arabia Saudita, Exipto, Nixeria e Canadá.

Nótense as variantes significativas entre 2050 e 2075 e incluso comparando co mundo de hoxe. A explosión demográfica en clave masa laboral, a competitividade económica e tecnolóxica e os recursos naturais beneficiarán a países como India, Indonesia, Nixeria, Filipinas e Brasil. Por outra banda, o envellecemento da poboación e a perda de potencialidade económica afectarán a Alemaña, Francia, Canadá, Reino Unido, Xapón e EEUU. En perspectiva histórica, Occidente é cada vez máis unha reliquia do pasado.

“O ‘top 3’ do poder mundial de 2050 e 2075 mantén inalterable a estes tres países: China, EEUU e India”

O “top 3” do poder mundial de 2050 e 2075 mantén inalterable a estes tres países: China, EEUU e India. A variable será que, en cincoenta anos, India ascenderá á segunda posición por riba de EE.UU e disputando a cima con China. Mesma disputa que se ve hoxe a nivel fronteirizo entre ámbolos dous países en torno á cima, a cúspide, do Himalaia.

Velaí a foto do poder mundial en 2075, un ano que semella, a priori, moi lonxe para nós. Pero como dicía o tango, “vinte anos non son nada”. E neste mundo tan vertixinoso, cincoenta anos pode que tampouco sexan tantos. Na historia humana, obviamente, non o son. Preparémonos pois neste 2024 para o cambio de poder que está por vir nas nosas vidas, en todas as ordes. Bo Nadal e Feliz Aninovo!

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.