“Cibercarracho, -a”, Palabra do Ano 2023

Na elección popular promovida polo Portal das Palabras coa colaboración da RAG e da Fundación Barrié

A Coruña | O lema ciberdelincuente figura dende hai un tempo no Dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a. E esta é a voz que acaba de ser elixida Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares.

O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación organizada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, a páxina web para a difusión do léxico galego promovida por ambas as institucións. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.

Cibercarracho, -a fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

A mala sona da carracha no refraneiro
Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas. E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están presentes dalgún xeito nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten: Chufa, carracha, que logo vén o verán!

Retirarlles as carrachas a un animal require de moita paciencia, de aí que o nome deste ácaro tamén estea presente noutra expresión ben diferente, aplicable a unha persoa moi perfeccionista: Ándalle catando os carrachos ao can. Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega deu entrada nesta obra de referencia da lingua de noso no ano 2018 a diversas voces relacionadas con eses riscos, entre elas ciberdelicuente, xunto a outras formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito, ciberataque, ciberseguridade ou ciberacoso.

Cibercarracho, -a é a décima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Unha aplicación para xogar co Dicionario
Alén do labor de divulgación do léxico galego a través do Portal das Palabras, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzaron neste 2023 a aplicación Ximnasio Léxico, que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da RAG, descargable de balde para dispositivos Android e iOs. As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir.

O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.