Chus Garrote satisfeita coa reunión con Fomento

“É o que os veciños nos pedían. Haberá circunvalación”

Ponteareas/PSdeG | A tenente de alcalde e candidata socialista, Chus Garrote, valorou como moi satisfactoria a reunión co Director Xeral de Carreteras que tivo lugar o pasado xoves no Ministerio de Fomento, na que se acadou o compromiso do Goberno de España cunha reclamación histórica dos veciños e veciñas de Ponteareas.

“Nesta reunión os socialistas demostramos o noso compromiso con Ponteareas e fixémolo con feitos. Demostramos unha vez máis que somos un partido no que se pode confiar” declara Chus Garrote.

O PSdeG-PSOE ponteareán afirma que o marco de negociación postulado pola líder socialista Chus Garrote non foi outro que o da execución da circunvalación que unirá a N-120 coa A-52 o antes posible. Neste senso, manifestan sentirse satisfeitos co compromiso do Ministerio de Fomento de financiar, custe o que custe, a nova infraestrutura.

“Nas próximas semanas coñeceremos as características da actuación e o seu custe real. Só con esta información poderemos reunirnos coa Xunta e o Goberno de España para determinar o mellor modo de executar a variante no menor prazo de tempo posible” explica Chus Garrote.

Ademais, Garrote insta ao Partido Popular e á Xunta de Galicia a manter o mesmo grao de compromiso coa circunvalación que o Ministerio de Fomento. “Esperamos que a Xunta mateña unha actitude proactiva coa circunvalación de Ponteareas porque ata o momento só atopamos obstáculos do goberno galego” manifesta a candidata socialista. Asimesmo, Chus Garrote di sentirse tranquila coa licitación das obras de seguridade na N-120, tras recibir ppersoalmente o compromiso do Ministerio.