Cumio da OTAN en Madrid, 2022. Seis meses despois da invasión rusa de Ucraína, a Alianza Atlántica, ese organismo que o propio presidente francés Emmanuel Macron chegou a “diagnosticar” en 2019 que padecía de “morte cerebral”, celebrada un dos seus cumios máis importantes desde a desaparición da URSS, con Pedro Sánchez como anfitrión. En Madrid, a OTAN trazou a “folla de ruta” para os vindeiros tempos: Rusia é a actual ameaza; China o será a longo prazo.
Dende entón, Pedro Sánchez ten realizado visitas a China. Os motivos? Investimentos e cooperación económica, principalmente. O presidente chinés Xi Jinping pretende abrir en Europa a primera fábrica chinesa de coches eléctricos. En 2024, durante a súa xira europea, Xi visitou Hungría, país membro da OTAN e da UE no que o seu entón presidente, Viktor Orbán, mantiña estreitos lazos con Moscova e Beijing. Un anatema, por tanto, para o “atlantismo” deseñado dende Washington. En Budapest, Orbán ofreceulle a Xi o territorio húngaro para esa fábrica chinesa.
En abril pasado, Sánchez visitou Beijing para facerlle a mesma oferta a Xi. Orbán xa non está no poder. Días despois, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén fixo a súa viaxe a China, un xigante que cada vez máis se impón como poder global. Pouco despois das visitas de Sánchez e Rueda, Donald Trump e posteriormente Vladimir Putin tamén visitaron China, aspecto que salienta a importancia estratéxica de Beijing e o paulatino traspaso de poder do Atlántico a Oriente.
O rebumbio mediático e político causado pola información da próxima chegada a Ferrol da compañía chinesa SAIC Motor para a apertura dunha fábrica de coches eléctricos da a entender os complexos entresixos dunha xeopolítica global onde China e EEUU xogan con forza as súas cartas no cometido de conseguir esferas de influencia. Nun momento de distanciamento transatlántico con Trump na Casa Branca, o “Estado profundo” da OTAN asentado no Ministerio de Defensa e no CNI, aupado polos poderes mediáticos afíns, trazaron as súas preocupacións ante a posibilidade de que SAIC Motor se convertera nunha especie de “tapadeira” para o espionaxe chinés.
“O rebumbio mediático e político causado pola información da próxima chegada a Ferrol da compañía chinesa SAIC Motor para a apertura dunha fábrica de coches eléctricos da a entender os complexos entresixos dunha xeopolítica global onde China e EEUU xogan con forza as súas cartas”
En Ferrol está unha estratéxica base naval de Navantia que a OTAN comeza agora a observar con atención precisamente pola presenza dun competidor como China. Un competidor ao que a industria automotriz europea, un dos motores do milagre industrial europeo da posguerra, observa igualmente con temor e inquietude ante os cambios xeoeconómicos que están acontecendo nun mundo con China como potencia ascendente.
SAIC Motor, o maior produtor chinés de coches eléctricos e dono da marca MG, pretende investir 200 millóns de euros nunha fábrica en Ferrol que se estima xerará máis dun millar de empregos nunha comarca afectada pola crise económica postindustrial. Sánchez e Rueda (se ben este último non escapou aos “cantos de serea” das inquietudes dese “Estado profundo”), saben que o investimento chinés servirá para asegurar a produtividade de Ferrol e relanzar a súa economía. Neste sentido, o cortexo a China é evidente e para proba un botón: o pasado 2 de agosto en Cambados, durante a 74ª Festa do Viño do Albariño, o embaixador chinés en España, Yao Jing, foi nomeado como “Cabaleiro do Albariño”.
Se tanto interese teñen agora os sectores “atlantistas” e europeístas pola presunta “ameaza” desa fábrica chinesa en Ferrol, por qué con anterioridade ningunha multinacional estadounidense, británica, alemá ou francesa pensou en investir neste punto estratéxico naval do noroeste peninsular, durante anos deprimido pola crise económica? Neste pulso xeopolítico e económico global entre Occidente e China, esta e outras interrogantes clarifican a quen lle preocupa agora esa presunta “ameaza chinesa” que desembarca en Ferrol.





