
Ourense | Non o puiden evitar. Estaba a ler o magnífico texto de don Ramón, recuperando o Ourense de medeados do século XVIII, e a imaxinación escapouseme tras das súas verbas. Ó principio abraioume ver que xa naqueles tempos o rústico era con frecuencia menosprezado pol-os da vila; hoxe están máis afastados, mais daquela a subsistencia dos uns estaba directamente enlazada co traballo dos outros. E se ben os señores gozaban de prerrogativas como en todo tempo, reparade en que don Ramón afirmaba que incluso Os Graxos da Burga (como eran coñecidos os ourensáns do común, os de clase media e non tan media) ollábanos por riba do ombro.
Mais deixádeme reproducirvos o texto orixinal do Mestre:
Foi unha época de diferenciación entre o campo i-a vila. O rústico paisano era mal ollado non soilo pol-o señorío senón pol-os graxos da Burga. Había un tal Ermitaño, un Leireiro, nos arredores un Rechas, un Pincho dourado, que debían ser boa xentiña…
(Estampas D’Ourense de medeados do Século XVIII Ramón Otero Pedrayo)
Isto é o lido, e agora, co voso permiso, contareivos o que me pasou pol-a cabeza. Non agacho que me apaixona coñecer esta clas de personaxes: dende O Paxaro ata Toñito Patata, pasando por Popotitos, todos son meus amigos e teñenme ilustrado á hora de imaxinar estes datos “biográficos”.
Comecemos pol-o “maior”, cando menos de aspecto.
O Ermitaño
O ermitaño, como o seu propio nome indica, é un personaxe que decidiu afartarse do mundo pra tentar vivir pol-os seus propios medios, entregado á oración e á meditación; claro que, de cando en vez, se a fame aperta, ten que achegarse á vila na busca de axuda. En moitos casos conseguira, antes do seu voluntario retiro, contar con algún acólito ou benefactor que, por obter os seus consellos, lle proporcionaba o máis básico para as súas necesidades.

O seu aspecto e a súa suposta devoción aconsellábanlle merodear pol-as inmediacións dos santuarios e capelas —como as dos Remedios, o Posío ou San Lázaro—, facendo pequenos recados pra os clérigos a troco de limosna, sopas de convento ou permiso pra acubillarse baixo dun soportal nas noites de inverno. De súpeto desaparecía e buscaba a paz nalgunha cova ou lugar recóndito. Arredor delas, a súa tardanza xeraba certo temor de que lle houbera chegado a súa hora, mais «soilo nunha ocasión» foi así…
Vaiamos co segundo dos nosos personaxes.
O Pincho Dourado
A este Pincho dourado véxoo como un daqueles rudos mozos de corda ou cargadores de mercadorías que rodeaban os mercados e as paradas de carruaxes pra axudar coas cargas máis pesadas. Certo é que, en moitos casos, o beneficio gañado co seu esforzado traballo malgastábao nas tabernas, mais eles, á súa xeira, eran razoabelmente felices. O seu alcume fai referencia ó broche, alfinete ou botón de latón gastado que lucía con orgullo na solapa para finxir un estatus nobre que non posuía. Ó rematar o traballo, intentaba con pouca fortuna o sablazo sutil, os xogos de cartas nas tabernas e a astucia, aínda que con frecuencia era a súa gran corpulencia a mellor das súas armas pra acadar un trago ou mesmo pra cear de balde. Iso si, na cidade xa se sabía que nin baixo os efectos do alcohol voltabase agresivo.
O terceiro personaxe, supoñendo que non sexa froito da imaxinación de don Ramón, véxoo moi ben traído.
O Leireiro
O seu alcume, se non me trabuco, procede de leira. O Leireiro era un temporeiro dos que naquel antigo Ourense eran tan habituais. Se ben nos tempos da vendima eran unha multitude, o resto do ano algúns quedaban por aquí; e cando non atopaban traballo noutra poda ou cavando unha horta, dedicábanse a xuntar trapos ou o que fora: eles buscábanse a vida. Neste caso, o cabaleiro era espelido e, nos arredores da cidade, tiña montado un pequeno horto agachado entre toxos e silveiras que nas épocas de colleita lle daban bos beneficios. Oxalá puidera pagar por unhas terras, que ben de seguro as había de rendibilizar……
O Rechas (O Rexeitado / O Descartado)
O Rechas era a encarnación do rexeitamento social da época. O seu alcume viña da súa propia condición: un home a quen a vila enteira lle daba a espalda. Antigo mozo de mulas caído en desgraza tras dun percance nos camiños, converteuse nun “proscrito popular” sen oficio nin beneficio. Habitaba nos recunchos sombríos das Burgas e nas calellas baixas. Coñecido pol-o seu carácter atravesado, o seu humor de cans e a súa lingua afiada, sobrevivía carrexando os traballos que ninguén máis quería facer —limpar pozos, cargar sacos de cal ou desescombrar— e cobrando en viño ou codias de pan duro.
Aínda que a xente acomodada o miraba con desprezo, O Rechas era unha figura imprescindible no ecosistema da rúa: coñecía cada rincón, cada segredo e cada atallo da vila, sendo esa clase de “boa xentiña” á que todos criticaban en público mais á que acudían de cotío cando precisaban dun traballo sucio ou dun favor na sombra.
Pido desculpas pol-a miña ousadía ó “roubarlle” a idea ó noso patriarca, mais agardo que, se puidera botarlle un ollo ás miñas verbas, me dixera: «Bo rapaz, ó menos intentáchelo, que outros nin iso nin sequera lelas», e logo botaría unha risotada. (A pesar do seu aspecto de home serio, gustábanlle os nenos; na súa casa non había chucherías para agasallalos, pero unhas tiras de pan para mollar no chocolate máis dunha vez o desfrutei). E tamén agardo que non vos pareza mal o meu galego, non é nin de lonxe normativo, pero é o que me sae de leer estes textos do patriarca e lembrar a miña nenez….




