Carreira Solidaria e Feira Cabalar en Tui

No marco das Festas de San Telmo

Tui | O deporte está tamén presente nas Festas de San Telmo. Este sábado celébrase a Carreira Solidaria e o domingo e o luns a Feira Cabalar, dous eventos que foron presentados esta mañá.

Na rolda de prensa participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Rafael Estévez, concelleiro de Deportes; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura; Laura Solla do Club Atletismo Tui; Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia; Jesús Gómez, José López e Rosa Moreira da Asociación Cultural San Roque e Bartolomeu; e Luís Romero da Peña Cabalar Val do Louro.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestaba na presentación que “hoxe nos congratulamos todos de presentar dúas probas emblemáticas das festas de San Telmo”. Salientaba coma a Carreira Popular “sempre tivo altísima participación” e agradeceu ao Club Atletismo Tui “a súa implicación nesta proba e no desenvolvemento da práctica deportiva, en especial do atletismo”.

Con respecto á Feira Cabalar que este ano se celebrará ao longo de dúas xornadas, domingo e luns, Enrique Cabaleiro, destacou que “este concello ten a peculiaridade de que hai moitísima afección ao mundo dos cabalos, case podemos dicir que somos unha potencia nese senso, e iso débese, entre outras cousas, ás e aos profesionais que están traballando día a día”.

Amosaba así o seu agradecemento á Peña Cabalar Valle do Louro “pola súa implicación constante no desenvolvemento de actos relacionados co mundo equino” e á Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu que “sempre foron a alma mater de que en San Bartolomeu se puidera desenvolver este evento, que é un evento moi ligado ás festas e a ese histórico barrio”.

Tamén agradecía a colaboración e implicación de Equigalia, e tiña palabras de lembranza para Luís Pimentel de quen dicía “foi unha persoa moi implicada no mundo cabalar e no desenvolvemento de actividades de práctica deportiva de equitación, e polo tanto a quen todos e todas lle debemos moito” e anunciaba que “nos resulta sumamente satisfactorio e emotivo dedicarlle esta primeira proba de salto”.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicaba que a carreira de San Telmo é “unha carreira popular con inscrición gratuíta, pero solidaria coa aportación dun quilo de alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño”, e engadía que “é unha proba con moito tirón”.

Sobre a feira cabalar resaltaba que “serán dous días, o domingo centrado sobre todo nas probas deportivas“. E destacaba “o primeiro Concurso de Salto en memoria de Luís López Pimentel” así coma os espectáculos e actividades previstas.

Laura Solla do Club Atletismo Tui convidaba a participar nesta proba deportiva que se vai celebrar este sábado a partir das 11 h con saída dende o Paseo da Corredoira “animar a todo o mundo a que veña á carreira de San Telmo, porque é totalmente popular” destacando que “é solidaria”. Até onte á noite había xa 300 persoas anotadas. A inscrición está aberta até mañá mércores ás 23.59 h na web clubatletismotui.wordpress.com. As distancias irán dos 5 quilómetros da categoría absoluta aos 80 metros dos máis pequenos.

Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia avanzaba que participarán na feira con ponis para “animar á xente a que se meta no mundo do cabalo” e o luns de 11 a 12 h organizan un concurso no que participarán os nenos e nenas do club.

Jesús Gómez da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu explicaba que “imos procurar que saia o mellor posible” engadindo que “penso que vai a haber moita xente” sinalando que a coincidencia o luns do festivo en Portugal, poderá permitir que se acheguen tamén xinetes lusos.

Luís Romero da Peña Cabalar Valle do Louro explicaba que tanto o domingo coma o luns contarán coa presenza de Miron Bococi cun espectáculo de exhibición a nivel internacional no que “fai liberdade, doma vaqueira,… un espectáculo moi bonito”.

Non faltará o concurso de enganche, e a actividade de compra venda de gando cabalar.

Carreira Popular Solidaria
Inscrición até ás 23.59 h do mércores 20 de abril en https://clubatletismotui.wordpress.com/carreira-san-telmo/
Sábado 23
De 9.30 h a 10.45 h Acreditacións e entrega de dorsais para a carreira absoluta, e ata 15 minutos antes de cada saída para as demais.
Horarios das Probas.
Ás 11.00 h Senior, veterano, xuvenil e junior
Ás 11.45 h Cadete e infantil
ÁS 12.00 h Alevín
Ás 12.15 h Benxamín
Ás 12.30 h Prebenxamín
Ás 12.45 h Pitufos
Ás 13.00 entrega de premios para a categoría absoluta. Ao remate de cada carreira para as categorías dende Pitufos ata Cadetes.

Feira Cabalar – Programa
Domingo 24
Ás 11.00 h Partido de Horseball
Ás 12.00 h Poni club
Ás 16.00 h Exhibición Concurso de Enganches
Ás 18.30 h Espectáculo Miron Bococi Free Sytle Horse Show
Luns 25
Ás 9.00 h apertura da Feira. Compra e venda de gando cabalar
Ás 10.30 h I Concurso de Salto Memorial Luís Pimentel
Ás 12.00 Entrega de Trofeos Premios Mellor xinete, amazona, cabalo e poni. Premio Tratando con máis cabezas, burros, ponis e cabalos
Ás 13.00 h Espectáculo Miron Bococi Free Sytle Horse Show

Máis de 1.400 turistas
A Oficina de Turismo de Tui ten rexistrado na Semana Santa, entre o venres 8 e o domingo 17 de abril, un total de 1.436 consultas de usuarios que demandaban información na súa visita e estadía na nosa cidade.

En concreto, o total de turistas atendidos acadou a cifra de 1.045 do que 37 eran visitantes internacionais e 1.008 turistas españois. Mentres o número de peregrinos atendidos foi de 391 persoas, das que 147 eran estranxeiras e 244 españolas.

Durante esta Semana Santa foron moi numerosos os peregrinos que partiron de Tui para realizar o Camiño de Santiago, ou que chegaron á cidade tras iniciar o camiño en terras portuguesas coma se puido constatar por todo o tramo desta vía xacobea durante os últimos días coa presenza de peregrinos e peregrinos tanto nacionais coma internacionais. Parte deles, en concreto 391 se achegaron á Oficina de Turismo para solicitar información, deles 147 procedían doutros países e 244 de España.

En canto á procedencia dos e das visitantes que esta Semana Santa se achegaron até Tui salienta Madrid con 226 persoas, seguida de Bizkaia con 42, Valladolid con 22, Salamanca con 17 ou Burgos con 16 e, claro está tamén visitantes procedentes de Galicia con 194 da provincia de Pontevedra, 106 de A Coruña, 30 de Ourense ou 22 de Lugo. No que atinxe aos internacionais proceden maioritariamente de Portugal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que tanto os datos da Oficina Municipal de Turismo, coma os proprocionados polos establecementos do sector, son altamentre satisfactorios pois permiten afirmar unha recuperación das dinámicas turísticas na nosa cidade, con altos niveis de ocupación e visitantes. Así as cifras deste ano son próximas as rexistardas en 2019, ano de cifras records, xa que hai tres anos se rexistraron 1.211 turistas e esta Semana Santa se acadaron 1.045. A Oficina Municipal de Turismo está situada, dende o pasado mes de febreiro no céntrico Paseo da Corredoira e conta cunhas novas instalacións que permiten ofrecer un servizo de atención aos visitantes de maior calidade.