Carmela Silva fai balance de seis anos de xestión ao fronte da Deputación de Pontevedra

Salientando a "transformación" na xestión pública provincial

Pontevedra | ”Seis anos dunha gran transformación da provincia con máis servizos, máis equidade e máis dereitos”. Baixo estes parámetros o goberno de Carmela Silva fixo balance este venres, no ecuador do segundo mandato, dos seis anos ao fronte da Deputación de Pontevedra.

Nun acto celebrado na explanada de Montero Ríos fronte ao Pazo Provincial, ao que asistiron alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, amais de colectivos e representacións de diferentes sectores, a presidenta e o vicepresidente da institución renderon contas dos seis anos transcorridos no goberno, dos que puxeron en valor “o cambio na acción política” a través da “equidade” na dotación de recursos aos concellos, “somos a administración provincial de todo o estado que máis transferencias fai aos municipios”, e a vontade de sumar sinerxías para construír o presente e o futuro dunha provincia sostible desde os eixos da igualdade, a mobilidade, a dixitalización e o compromiso co medio ambiente.

“Transformación”. Foi a palabra que elixiu Carmela Silva para resumir estes 6 anos, xunto á “valentía” para tomar decisións desde un goberno de coalición que cualificou de “modélico”. “Hoxe que a confrontación e o ruído están á orde do día, somos un goberno formado polo BNG e o PSdeG PSOE que traballamos unidas e unidos e que a xente valora moito, porque é unha obriga aparcar as posibles diferencias, que son lexítimas, e traballar polo benestar da xente”.

“Transformación’. Foi a palabra que elixiu Carmela Silva para resumir estes 6 anos, xunto á ‘valentía’ para tomar decisións desde un goberno de coalición”

A presidenta, que agradeceu o traballo do persoal da Deputación, “non teño horas para agradecer o seu compromiso”, enumerou na súa intervención os grandes eixos da transformación da provincia: o cambio do modelo de financiación aos concellos, dotándoos de recursos “como nunca antes acontecera”, e pasando “das políticas arbitrarias e da ausencia de criterios obxectivos a un plan equitativo, xusto e que garantira dereitos e servizos en todo o territorio, vivas onde vivas”; o modelo de mobilidade e recuperación do espazo público que “é referencia”; a defensa da igualdade e a “irrenunciable” axenda feminista”; o compromiso co medio ambiente para converter Pontevedra nunha provincia sostible e a “profunda aposta” para apoiar a economía e a todos os seus sectores, “aínda que en moitos eidos non temos competencias recoñecidas”; así como a defensa da cultura, a lingua e o patrimonio, o deporte ou a cooperación transfronteiriza, a través da AECT Río Miño, “a máis activa de España”.

Lembrou que, co golpe da pandemia, “igual que o conxunto da sociedade, fixemos un enorme esforzo para estar ao lado dos novos retos e necesidades que se crearon, mantendo e reforzando o noso apoio a concellos, colectivos e sectores afectados e fomos quen de reorganizar esta administración para ser máis eficaces e eficientes, implantando novos instrumentos e medidas” en apoio de “quen máis o necesita”.

“Sempre tivemos claro que a nosa contorna e a acción política precisaba doutro modelo e que tiñamos que liderar o cambio –afirmou Carmela Silva- . Sempre soubemos que queriamos que a nosa acción de goberno supuxera construír unha provincia onde a xente poida desfrutar de calidade de vida. Fixemos un grande esforzo para ir avanzando, dedicando máis recursos propios que nunca e sendo capaces de sumar 56 millóns de euros de fondos europeos”.

Pola súa banda, César Mosquera subliñou dúas cuestións no balance dos seis anos de goberno: o logro de acadar que a Deputación tivese un funcionamento e uns servizos “do máis avanzado” tanto na súa actividade propia como nas axudas aos municipios, así como tratar con equidade aos concellos, incluso aos máis belixerantes, dándolles liberdade de actuación e opinión ao ter garantidos os seus recursos.

Manifestouse satisfeito por ter cumprido o reto -“moi difícil na política”- de non desdicirse no goberno sobre o dito na oposición. Lembrou tamén que o seu grupo entrou a gobernar coa idea de mirar cara ao futuro, construír, e sacar adiante proxectos sen gastar enerxías en desquites ou en desfacer “o que podía estar ben feito”.

Unha das cuestións que define o traballo feito na Deputación, segundo Mosquera, é que esta se posicionou á vangarda e acadou un funcionamento e uns servizos do máis avanzado. Apuntou que o goberno abordou campos nos que atopou deficiencias e necesidades dos concellos e actuou en consecuencia, propoñendo solucións, ao tempo que citou como exemplos o traballo en materia de Igualdade, o Revitaliza, ou o proxecto Ágora de recuperación do espazo público, que están a recibir recoñecementos de maneira continua.

“Aí están os feitos. Hoxe mesmo o deputado Uxío Benítez está a recoller un premio en Málaga polo programa Ágora”, destacou. Tamén destacou Mosquera “a equidade e a liberdade que dá a equidade” polo trato aos concellos da provincia. Por último, o vicepresidente agradeceu o traballo ao cadro de funcionarias e funcionarios e, en concreto, tivo palabras para os traballadores do Parque de Maquinaria. Dixo que no seu momento tiveron “un comportamento inducido”, pero a día de hoxe “están recuperados” porque entenderon que son “servidores públicos” e que “outros intereses non tiñan cabida” .

Tanto a presidenta como o vicepresidente miraron cara ao futuro. Carmela Silva subliñou que despois de ser a primeira Deputación en sumarse ao cumprimento da Axenda 2030, a primeira de Galicia en aprobar un Plan Estratéxico de Fondos Europeos para ter proxectos que se presentan aos Next Generation, ou a primeira en poñer en marcha a Axenda Urbana, a institución traballa xa cos ministerios “para seguir sumando recursos e iniciativas que permitan que a provincia poida estar á cabeza da dixitalización, da cohesión territorial, da transición ecolóxica e da igualdade”.

E concluíu: “Hoxe, como fai seis anos, como fai dous, volvo afirmar que é necesario que traballemos xuntas e xuntos para seguir construíndo unha provincia do ‘bo vivir’. César Mosquera finalizou desexando que a nova maneira de traballar da institución, que substituíu á de épocas anteriores nas que a disidencia se castigaba con represalias, debe consolidarse “de por vida” porque “responde aos tempos e ás demandas da sociedade”.

Seis anos en datos
Nestes seis anos “de transformación” da provincia a Deputación ten transferido 384 millóns de euros aos concellos sendo a administración provincial de todo o Estado mellor situada ao destinar un 35,4% do orzamento fronte á media do 18,2% do resto de España.

“A Deputación ten transferido 384 millóns de euros aos concellos sendo a administración provincial de todo o Estado mellor situada”

Neste contexto enmárcase o Plan Concellos, que ten distribuído 252 millóns de € que permitiron poñer en marcha 2.300 obras e crear máis de 6.000 empregos, e outras iniciativas que suman 46 millóns de € como o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse e o recente ReacPon. Amais,, a Deputación oferta numerosos servizos aos concellos como a administración electrónica ou o ORAL que xestiona tributos de 54 concellos e 9 mancomunidades.

Cara á cohesión do territorio, forte investimento en infraestruturas, con máis de 102 millóns de € cara á mobilidade sostible e recuperación do espazo público: iniciativas  recoñecidas como o Plan Ágora, 200 proxectos en estradas provinciais ou 1.500 elementos de calmado de tráfico

A igualdade é obxectivo transversal en toda  a acción política. Máis de 7,4 millóns de € que permitiron poñer en marcha o 1º Plan de Igualdade, a Escola de Igualdade María Vinyals ou programas como “Conectadas” e “Mulleres en acción”. Do mesmo xeito a Transición Ecolóxica, aliñándose coa Axenda 2030 e promovendo iniciativas para impulsar unha provincia sustentable con plans como Revitaliza, o ESTRAEE, a creación de parques forestais, proxectos coas universidades ou de eficiencia enerxética a través do IDAE.

No apoio á economía da provincia traballouse da man do sector primario, modernizouse a Finca Mouriscade (9 millóns de €) e a Estación Fitopatolóxica Areeiro (15 millóns de €), creouse o proxecto SmartPeme (máis de 4,5 millóns de €) e impulsáronse os viveiros de Barro e de Lalín (preto de 2 millóns de €. No que respecta ao turismo (26 millóns €), forte impulso da dixitalización, dous Plans Estratéxicos, plan de impulso á sustentabilidade, a rede de oficinas Info Rías Baixas e a Deputación situouse como a única administración galega en formar parte da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España.

Amais estase a apostar por programas de creación de emprego, formación e mellora da inserción laboral con máis de 22 millóns de € dirixidos a programas como Erasmus, DepoEmprende ou DepoIntegra. Tamén a colaborar estreitamente con asociacións de eido social a través da área de Cohesión Social, que ten investido 30 millóns de € e que aumenta cada anoo seu orzamento para facer fronte ás emerxencias e persoas vulnerables. A aposta polo deporte, a cultura e lingua foi outra das prioridades do goberno nestes seis anos, traballando por democratizar o acceso á cultura, creando o departamento de Memoria Histórica, financiando iniciativas que chegan a todos os concellos da provincia e coidando o patrimonio material e inmaterial.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!