Campaña anual de recollida de alimentos en Mondariz

Do 15 de novembro ao 15 de decembro

Mondariz | Desde o 15 de novembro ata o 15 de decembro, os establecementos comerciais locais do sector alimentario recollerán doazóns particulares de alimentos non perecedoiros

O Concello de Mondariz colabora un ano máis coa AAVV Xabriña para poñer en marcha unha campaña solidaria de recollida de produtos para o banco de alimentos da localidade. A iniciativa está organizada pola Concellería de Servizos Sociais de Mondariz, que dirixe José Luis Fernández, e se desenvolverá durante un mes, desde o 15 de novembro ata o 15 de decembro.

Participan, como é habitual, os diferentes establecementos comerciais de produtos alimentarios, como supermercados e tendas de comestibles. Recoméndase realizar doazóns de produtos non perecedoiros, como conservas, legumes, arroz, pasta, aceite ou leite, así como alimentos típicos das celebracións de Nadal. Os produtos doados serán xestionados polo banco de alimentos de Mondariz, que regularmente fai entregas de produtos de primeira necesidade a persoas e familias que se atopan en situación de especial vulnerabilidade socioeconómica.

Como en anos anteriores, tamén se ofrece a posibilidade de realizar doazóns económicas particulares en efectivo a través dunha conta bancaria da AAVV Xabriña. Este modelo de axuda, de feito, resulta moito máis práctico para a xestión de provisións no banco de alimentos municipal.