Camilo Nogueira tamén aposta por un pacto EI-Máis Galiza.

O histórico dirixente nacionalista quere que haxa acordo conxunto entre EI e Máis Galiza e aposta por Aymerich como candidato á Presidencia da Xunta. Ambas as dúas correntes retoman os contactos para chegar a un pacto. EI baralla a Beiras para a Portavocía Nacional.
Camilo Nogueira, cofundador de Esquerda Galega | Cris Tobío

Por Xurxo Salgado | Compostela | Era un dos poucos que quedaba por falar e a menos de 15 días da Asamblea Nacional do BNG, o ex eurodeputado Camilo Nogueira tamén se pronunciou sobre o proceso que vive o BNG. E o fixo a través da páxina web de Máis Galiza; primeiro para apoiar a candidatura de Carlos Aymerich á Presidencia da Xunta e despois para apostar por un pacto EI-Máis Galiza de cara a esa cita.

O histórico líder de Unidade Galega (UG), actualmente afastado da política activa, considera que a única forma de vencer á UPG é que haxa unha lista conxunta entre Máis Galiza e Encontro Irmandiño. Nogueira insistiu que os militantes nacionalistas que no seu día estiveron en UG apoiaron a proposta de emenda conxunta redactada entre +Galiza e EI, e que prosperou nalgunhas asembleas comarcais para o seu debate na asemblea nacional.

Precisamente, a súa opinión chega nun momento delicado entre as dúas correntes que, a pesar das diferencias mantidas nos últimos días, retomaron esta semana as negociacións para presentar unha candidatura conxunta. E non é o único que se pronunica a prol dun acordo. Nos últimos días foron moitos os militantes nacionalistas que se amosaron a prol dun frente común entre EI e Máis Galiza, con presenza de independentes para arrebatarlle o poder á UPG. Algúns deles teñen manifestado que, de non haber unha candidatura conxunta, non irán nin a asamblea.

Cargos e lista
Se hai unha semana, as principais dificulatades para ese acordo centrábanse en persoas que deben ocupar a candidatura á Presidencia da Xunta e á Portavocía Nacional nunha hipotética lista conxunta, agora, o principal problema radica na porcentaxe de persoas dunha e outra corrente que poden integrala.

Nun comezo, Máis Galiza propuxo que fora Aymerich o candidato á Xunta e Martiño Noriega á Portavocía Nacional. Unha proposta que non foi aceptada por EI ao considerar que teñen que ser eles quen elixan a esa persoa. Polo momento, ese nome aínda non foi proposto pero as fontes consultadas apuntan a podería ser Xosé Manuel Beiras.

Máis complicado están as porcentaxes da lista aínda que as fontes consultadas aseguran que se están facendo “esforzos” para que “todos estean ben representados”. O acordo implicaría que nesa lista estiveran cargos de Máis Galiza, do EI pero tamén independentes. Nos últimos días, diversos militantes apostaron por un “lista ampla” na que tamén figuren nomes como Teresa Táboas, Quique Tello ou o propio Camilo Nogueira. “Trátase de que unirnos todos os que podemos compartir certa sensibilidade a pesar das nosas diferencias porque o máis importante é o proxecto do BNG e non os personalismos ou os problemas persoais que poida haber entre algunhas persoas”, aseguran.