Caballero: “A Xunta debe mellorar servizos públicos e impulsar a reactivación económica”

Alertou durante un encontro co alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia “que se poña a gobernar” nun momento crucial para a reactivación económica.

“O goberno galego (…) non pode seguir estando de vacacións”

“O goberno galego”, proclamou Caballero, “non pode seguir estando de vacacións” cando, por exemplo, “o colexio de médicos de Pontevedra presenta una denuncia polo penal debido á saturación que existe nos centros de saúde desa provincia”.

Nunha comparecencia en Santiago -acompañado do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo-, Caballero alertou de que “non podemos seguir nesa deriva de retroceso nos servizos públicos porque a Xunta ten fondos e os galegos e galegas necesitamos máis sanidade, máis educación e reactivar a economía do país”.

“Estas semanas que veñen por diante imos ter moitos retos e temos que estar á altura do que Galicia precisa”

Así, o líder socialista incidiu en que “estas semanas que veñen por diante imos ter moitos retos e temos que estar á altura do que Galicia precisa”. Nese obxectivo, o secretario xeral do PSdeG lembrou que “o que preocupa aos cidadáns agora mesmo son dúas cousas: Por unha banda, a vacinación fronte ao virus e a sanidade e, por outra, a reactivación económica para conseguir darlle ás familias posibilidades de futuro”.

Neses eixos de traballo “que temos que manter”, salientou a contribución do Goberno central, cunha estratexia de vacinación “que está funcionando e que fai que o nivel de inmunidade en España sexa una referencia”.

Reactivación económica
Ao mesmo tempo, Gonzalo Caballero puxo en valor o apoio do goberno central á reactivación con decisións como a compra de máis vacinas ou a cogobernanza coas comunidades autónomas dos fondos europeos que chegan a España, pero tamén con medidas específicas e positivas para Galicia comprometidas esta semana como a rebaixa das peaxes da AP-9, 25 millóns de euros para rehabilitación patrimonial do Ministerio de Turismo ou os 28 millóns para a modernización do regadío na Limia.

Fundamental neste aspecto serán tamén as políticas expansivas do Goberno central, que “van contribuír a que o ano que vén Galicia teña máis fondos que nunca para distribuír e xestionar a reactivación económica”. Haberá “un máximo histórico de posibilidades de gasto”, enfatizou Caballero, “e polo tanto a Xunta ten fondos para cumprir coas súas competencias”.

“As políticas expansivas do Goberno central ‘van contribuír a que o ano que vén Galicia teña máis fondos que nunca para distribuír e xestionar a reactivación económica”

Por iso, o goberno galego “ten que manter a todos os profesores que quere despedir a partir do curso que vén e reforzar a Atención Primaria” para evitar as listas de espera que hai actualmente ata para acudir ao médico de cabeceira. Tamén reclamou á Xunta que respalde orzamentariamente aos concellos, para que poidan seguir ofrecendo servizos, e que, nun momento de restricións, adique cartos para “apoiar aos sectores máis afectados, á cidadanía e ás familias que non conseguen chegar a fin de mes”.

Pola súa banda, remarcou Caballero, os socialistas galegos “imos seguir poñendo enriba da mesa propostas en positivo coa man tendida e vontade cooperativa nun momento complexo no que todos temos que axudar ao noso país”.

Xosé Sánchez Bugallo
Mentres, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, apostou por seguir “traballando e garantindo que Galicia sexa un destino turístico seguro”.

Nesta liña, puxo de relevo que para Compostela xullo foi “un mes extraordinario”, coa presenza na cidade do xefe do Estado, de boa parte do goberno de España, a comezar polo presidente Pedro Sánchez, ou coa reunión do Real Padroado da capital galega.

Como único aspecto “non positivo” fixo referencia aos datos de evolución da covid, aínda que matizou que grazas á vacinación tanto as defuncións como o número de ingresos hospitalarios “son moitos menos” que en pasadas ondas.