BNG Redondela rexeita os orzamentos do bipartito PSOE-AER

Considera que os mesmos son "privatizadores" e que “veñen ligados á unha moción de confianza” da Alcaldesa Digna Rivas

Redondela/BNG | Os orzamentos que volven presentar o bipartito de PSOE e AER, desta vez ligados a unha moción de confianza, “seguen a liña privatizadora dun goberno local que dá as costas á veciñanza e ao tecido asociativo de Redondela”.

Despois de presentar no pleno ordinario de abril uns orzamentos que o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, definía coma “unha proposta enganosa que non atende as necesidades e demandas reais das veciñas”, o goberno local volve presentar un documento que non foi consultado co Bloque Nacionalista Galego, abocándoo a fracasar outra vez. “Estes orzamentos consolidan o interese privatizador do goberno de Digna Rivas.

“Estes orzamentos consolidan o interese privatizador do goberno de Digna Rivas”

Ademais de abonar a concesionarias como piscinas, recollida do lixo, auga e saneamento, ou Servizo de Axuda no Fogar, páganse ata 800.000 € en novas privatizacións a empresas de limpeza de camiños e praias e vixianza dos areais do concello”, afirma o voceiro nacionalista Engade que “o goberno oculta os obxectivos deste documento, xa que se falan de proxectos que ninguén coñece. Unha mostra máis da mala xestión do goberno de Digna Rivas, xa que leva 6 anos actuando sen planificación”.

Ademais, Xoán Carlos afirma que “perderon completamente a confianza na alcaldesa ao non cumprir ningún dos acordos asinados co BNG. O BNG nunca se negou a negociar uns orzamentos que melloren a vida da veciñanza da nosa vila, pero o Partido Socialista prefire seguir sen contar coas nosas achegas”. A organización nacionalista denuncia “unha actitude autoritaria e déspota da alcaldesa durante todos os plenos, que se pode ver resumida na expulsión completamente fóra de lugar e sen motivos do pleno ordinario de abril da concelleira nacionalista, Jéssica García”.

Desde o BNG de Redondela reivindican que “sempre actuarán con responsabilidade para facer unha Redondela mellor na que as persoas sexan o centro das políticas municipais”. A súa aposta é “converterse na alternativa de esquerda á pésima xestión e á privatización constante do goberno bipartito de PSOE e AER”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.