BNG Ponteareas acusa á Alcaldesa Nava Castro de “mentir sobre a xestión económica”

Aseguran que dende o actual goberno municipal "manipulan os datos"

Ponteareas/BNG | Ante as manifestacións do goberno de Ponteareas, que asegura que o crédito dispoñible cando chegaron ao Concello era de 97.000€, o BNG reaccionou sinalando que a Alcaldesa Nava Castro “descoñece o funcionamento do orzamento municipal e minte descaradamente para ocultar a súa incapacidade e a súa nula xestión económica”.

“A 15 de xuño, o último día do goberno anterior, o crédito dispoñible para gastos no orzamento era de case 777.000€, e a maiores contaban con máis de 12 millóns de euros retidos e autorizados para gastos fixos do Concello. Pero o goberno de Castro manipula os datos e terxiversa a información para confundir á cidadanía, buscando unha cortina de fume que tape a súa falta de dedicación na área económica do concello”, asegura o BNG.

Ademais, o BNG evidencia que “se o goberno non tivese diñeiro dispoñible, non podería estar facendo transferencias de crédito continuamente, como as realizadas nos pasados días para eliminar o diñeiro dispoñible para ás subvencións a centros culturais ou as subvencións a colectivos para investimentos”

O Bloque lembra que “o goberno de Castro sigue traballando co orzamento prorrogado de 2022, polo tanto a cantidade que mencionan como previsión para o pago de electricidade corresponde a ese ano e non contempla a suba da luz producida dende entón.

A pesar das advertencias da oposición, Nava Castro renunciou a elaborar un orzamento no inicio do seu mandato, e polo tanto non puido darlle cabida a eses 450.000€ que agora pretende recolocar mediante un Recoñecemento Extraxudicial de Cédito”, sinala o Bloque, que considera obvio que un orzamento prorrogado non pode satisfacer as necesidades municipais case dous anos despois.

Por outra banda, BNG aclara que “o ano 2022 non rematou con perdas. O que existe é un remanente de tesourería negativo, dado que hai subvencións pendentes de cobrar que aínda non foran ingresadas ao remate do ano nas arcas municipais” “Se a xestión económica do BNG fose tan mala como pinta o PP, non nos terían concedido subvencións e créditos que permitiron executar transformacións históricas para o avance de Ponteareas. A señora Castro debe pór máis atención na xestión municipal e centrarse menos no paseo turístico pola provincia”, conclúe o BNG.