BNG Ourense formalizou denuncia diante da Fiscalía sobre os irmáns Baltar

Fala de presunto delito de suborno continuado e de prevaricación

Ourense | Tal e como anunciaran o pasado sábado en canto se fixeron públicos unha serie de mensaxes nas que o irmán do actual presidente da Deputación aludía ao pagamento, presuntamente, de comisións por parte de empresas construtoras, o BNG formalizou esta mesma mañá, unha denuncia diante da Fiscalía de Ourense na que solicitan a investigación dos mesmos.

Segundo o deputado provincial Bernardo Varela, “nas mesaxes fálase mesmo de empresas con nomes e apelidos como é o caso de Coviastec SL, unha das máximas adxudicatarias da Deputación”.

En base ao anterior e as diferentes informacións publicadas, nas que se vincula directamente ao actual presidente do ente provincial José Manuel Baltar, é polo que desde o BNG decidiron acudir á Fiscalía para pór no seu coñecemento esta información e solicitar que se investigue para, de ser o caso, “determinar a responsabilidade penal que puidera derivarse dos mesmos”.

Tal e como apuntou Varela, “poderiamos esta diante da comisión dun presunto delito de suborno continuado, previsto no artigo 419 do código penal así como dun delito de prevaricación, previsto no artigo 404”. O deputado provincial agarda que “sexa vehiculizada nas canles xurídicas pertinentes e que máis cedo que tarde, teña consecuencias xurídicas e políticas”.