BNG esixe explicacións á Deputación de Ourense ante as novas inversións en granito

Denunciou Bernardo Varela, voceiro provincial da formación nacionalista

Ourense/BNG | Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, ven de solicitar información no organismo provincial por dous contratos para a compra de granito tallado, que non estatuas porque non foron encargadas a escultores.

Este contratos “adquisición e elaboración dunha estatua de granito dunha figura dunha gaiteira da Real Banda de Gaitas de 1,80 m de alto” por un importe de 6.880 euros; e a compra dunha escultura co símbolo da ourensanía e a dun monolito co himno de Ourense, por un importe de 10.690,35 euros, teñen unha suma entre ambos que superaría o límite económico para licitación por contrato menor, sinala o voceiro nacionalista.

Varela afirma que “non ten ningún sentido a urxencia desta adquisición de máis granito nun periodo no que o fundamental é a recuperación económica”, pode que sexa necesario invertir en sectores productivos porén o sector dos aserradeiros de pedra non semella ser dos máis perxudicados pola pandemia. O voceiro do grupo provincial nacionalista tamén cuestiona o porque do elevado valor dunhas “tallas” que non foron solicitadas a artistas recoñecidos, polo menos da información á que puidemos acceder.

“Non ten ningún sentido a urxencia desta adquisición de máis granito nun periodo no que o fundamental é a recuperación económica”

Todo isto, sinala Varela, non fai máis que incidir na crítica trasladada polo Consello de Contas que cuestionou fai escasos días esta institución, polas adxudicacións que a mesma fai reiteradamente de xeito cuestionable.