Biblioteca de Salvaterra homenaxea a súa coordinadora Aurora Ramilo

Polos seus 15 anos de traballo de vangarda nos espazos educativos
A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel (centro) estivo presente no acto.

Salvaterra de Miño | Este 22 de outubro ás 10,00 h. tivo lugar no CEIP de Leirado un acto de recoñecemento ao traballo da persoa que durante 15 anos liderou o equipo de biblioteca do centro, biblioteca incluída no Plan LIA-2.

Ao acto asistiron D. César Pérez Ares, Xefe Territorial de educación da provincia de Pontevedra; Dna. Marta Valcárcel, Alcaldesa do Concello de Salvaterra; D. Manuel Torres, Inspector Xefe; D. Carlos Antuña, Inspector do centro; D. Francisco Díaz, Asesor de Bibliotecas Escolares de Galicia; e Dna. Carmen Vaz, asesora do CFR de Vigo acompañando ao alumnado, profesorado e equipo directivo do centro.

Neste acto, a Comunidade Educativa do centro agradecía a oportunidade dada pola Administración Educativa de formar parte dos centros incluídos no plan LIA-2 e o traballo realizado por quen fora coordinadora da biblioteca escolar ata o momento da súa xubilación, Dna. Aurora Ramilo e que a situaron na vangarda dos espazos educativos.

Unha biblioteca con todos os recursos necesarios para adaptarse ás novas formas de informarse e aprender e con recursos para todo tipo de actividades, intereses e capacidades. Neste acto descubriuse unha placa conmemorativa que nomea á biblioteca do centro como “Biblioteca Aurora Ramilo”.