Beiras: gobernar para que Galicia decida na súa economía.

Hai unha lectura de Xosé Manuel Beiras que o presenta como un intelectual brillante, un orador excepcional e un político máis preocupado pola pureza dos principios que pola eficacia das decisións. E non é aquelada. Beiras entendía que a teoría económica só adquiría a súa verdadeira dimensión cando era quen de transformar a realidade. E sabía que, nun país dependente como Galicia, o primeiro desafío non era repartir mellor a riqueza existente, senón conquistar a capacidade de producila, retela e decidir sobre ela.

Beiras non partía dunha abstracción ideolóxica, senón dunha realidade material: a subordinación da economía galega a centros de decisión exteriores, a drenaxe do aforro, a exportación de recursos sen suficiente transformación industrial e a incapacidade de reter no país unha parte substancial do valor engadido. En O atraso económico de Galicia (1972), Beiras sistematizou unha diagnose que viña de lonxe, da Revista de Economía de Galicia fundada no 1958 por Xaime Illa Couto e da tradición de Alexandre Bóveda. A súa achega foi converter aquela conciencia do atraso nunha explicación estrutural da dependencia.

“Beiras non partía dunha abstracción ideolóxica, senón dunha realidade material: a subordinación da economía galega a centros de decisión exteriores”

Mais o importante é que non se detivo na diagnose. Soubo trasladala á política, ás institucións e ás propostas electorais do BNG entre 1989 e 2001. Aquel labor, evidentemente, foi colectivo, froito de moitas intelixencias e dunha organización que construíu unha alternativa nacional. Mais o pensamento teórico de Beiras proporcionoulle unha arquitectura económica recoñecíbel e unha ambición estratéxica que axudan explicar o salto político do nacionalismo, culminado no sorpasso de 1997. De entón é unha entrevista que estes días lembraba XM Núñez Seixas na que Beiras dicía que o BNG exercería no goberno unha socialdemocracia á galega. A definición non era exacta nin completa, mais si acaída para a comprensión da cidadanía.

Os programas de goberno do BNG da era Beiras non defendían só gastar máis, subsidiar sectores en crise ou redistribuír as rendas con maior xustiza, senón que querían intervir sobre os mecanismos que determinaban quen controlaba a economía galega. Unha axencia tributaria propia e unha moi incrementada autonomía fiscal significaban capacidade para decidir sobre os recursos públicos. A creación dunha banca pública galega e a mobilización do aforro galego pretendían impedir que os depósitos xerados no país acabasen financiando investimentos alleos ás súas necesidades. A planificación enerxética aspiraba converter a riqueza enerxética nunha panca de desenvolvemento industrial, emprego e valor engadido (estes alicerces teóricos e programáticos explican o Decreto eólico que o BNG conseguiu aprobar na Xunta no 2008). . E a modernización do agro, da pesca e das actividades transformadoras procuraba superar o papel subordinado de Galicia como fornecedora de materias primas.

Non eran medidas illadas, senón pezas dunha mesma concepción: sen poder económico propio e sen autonomía financeira, o autogoberno corre o risco de se converter na administración territorial da dependencia. A cuestión decisiva non era só canto recibía Galicia, senón quen decidía os investimentos, onde se transformaban os recursos, onde se localizaban os beneficios e quen acumulaba o capital. A redistribución é imprescindíbel, mais, se non se modifica previamente a estrutura que produce a dependencia, remata no mellor dos casos por compensar os seus efectos sen corrixir as súas causas.

Compartía Beiras co keynesianismo tradicional a confianza na intervención pública, pero ía máis alá da regulación da demanda e da corrección dos desequilibrios do mercado. O seu horizonte era un desenvolvemento autocentrado: orientar o crédito, a enerxía, a fiscalidade e a política industrial cara ás necesidades do país, reforzando a capacidade produtiva e os centros galegos de decisión. Non se trataba de pechar Galicia ao mundo, senón de evitar que a súa apertura significase renunciar a nos gobernar economicamente.

“Compartía Beiras co keynesianismo tradicional a confianza na intervención pública, pero ía máis alá da regulación da demanda e da corrección dos desequilibrios do mercado”

Cómpre, pois, reivindicar o Beiras político, que non era ningún soñador alleo á xestión, senón o economista que comprendía que gobernar consiste en alterar relacións de poder, crear capacidades colectivas e ampliar o espazo das decisións posibles.

A lección de Beiras mantén toda a súa actualidade. Galicia non sairá da subordinación reclamando só unha distribución máis xusta dos seus froitos. Precisa ter máis capacidade para decidir como se producen, a quen benefician e onde fican. Porque un país non é dono do seu destino cando non ten decisión sobre a súa economía.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.