Bandeira Azul para o Sendeiro do Louro en Mos

O galardón foi concedido pola Asociación de Educación Ambiental

Mos | A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, izaron a Bandeira Azul no Sendeiro do Louro, coa que o paseo mosense vén de ser galardoado. Con esta Bandeira Azul prémiase a ruta fluvial do río Louro, de 5 quilómetros de lonxitude, adaptada e deseñada con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concedeu o galardón Bandeira Sendeiro Azul – 2024 a un total de 128 Sendeiros Azuis en España.
30 novos Sendeiros Azuis, entre os que se atopa o mosense Paseo do Río Louro, que se suman a unha rede que roza xa os 860 quilómetros.

“Espazos naturais e saudables que nos protexen, e aos que debemos protexer”, declararon as representantes municipais, Arévalo e Méndez Senlle, que lembraron ademáis que o Sendeiro do Louro conta cun dos Parques sen Fume promovidos pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ubicado no Parque da Pesqueira.

O galardón Bandeira Sendeiro Azul destaca o compromiso de municipios e administracións públicas na recuperación e posta en valor de carreiros e itinerarios que promoven a educación ambiental e o goce sostible da nosa contorna.

Os Sendeiros Azuis están presentes en 115 municipios de 21 provincias e 11 Comunidades Autónomas. Nesta edición de 2024 produciuse o maior incremento no número de carreiros azuis galardoados desde o inicio do programa en 2011.

O programa Sendeiros Azuis premia e recoñece a conservación e recuperación de carreiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o goce da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles.

Para obter o galardón Sendeiro Azul débense cumprir un conxunto de criterios e indicadores, que se agrupan en catro categorías: características das sendas e trazados; información, señalética e infraestruturas nos carreiros; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos carreiros.

O Xurado dos Sendeiros Azuis – 2024 reuniuse o día 30 de novembro de 2023, composto por expertos procedentes de Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia e País Vasco, representando a diversas universidades, administracións públicas relacionadas con Patrimonio Natural e Turismo, asociacións e entidades que traballan pola accesibilidade en espazos públicos, e empresas relacionadas coa saúde. En 2024 recibiuse o maior número de candidaturas ao galardón Carreiro Azul, das que o 76% foron renovacións e o 24% foron novos carreiros candidatos, entre eles atópase o caso de Mos. Galicia suma xa 49 Sendeiros Azuis en 27 municipios e cunha rede de 319 quilómetros. A provincia de Pontevedra mantén o seu liderado con 31 galardóns en 14 municipios, e 216,40 quilómetros.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.