Axudas ao emprendemento feminino na provincia de Ourense

Política Social brinda maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero

Ourense | O centro de encontro de mulleres artistas, Art Dritt Studio, é un dos 54 proxectos emprendedores constituídos por mulleres beneficiarios do programa Emega do ano 2025, aos que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 560.000 euros para crear ou manter 61 postos de emprego feminino.

Este centro recibiu unha achega de 10.000 euros para a creación dun novo posto de traballo por conta propia. Manuel Pardo, delegado da Xunta, subliñou que o obxectivo é ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero. Así mesmo, destacou que se prevé financiar máis de 350 proxectos e crear arredor de 800 empregos na comunidade autónoma.

Explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Na concesión destas axudas préstase especial atención ao apoio a mulleres que emprenden no rural, para contribuír a fixar poboación nel; ás maiores de 55 anos, polas especiais dificultades para a inserción laboral por conta allea que estas teñen, e a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.