Avaliadas medidas de recuperación das zonas afectadas polos incendios en Ribas de Sil

A través dun grupo de técnicos do Centro de Investigación Forestal
Os danos foron baixos pola boa xestión do monte e á rápida actuación dos medios de extinción.

Ribas de Sil | Un grupo de técnicos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, acompañados por persoal do distrito forestal VIII – Terra de Lemos, desprazáronse aos concellos lucenses de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón para avaliar os danos causados polos incendios iniciados no primeiro dos municipios e para valorar as actuacións posteriores a levar a cabo.

Nesa liña, puideron comprobar que o solo sufriu un nivel de afección baixo, malia a orografía da zona e as longas pendentes existentes na zona. Así, en gran parte do terreo afectado comprobouse que a boa xestión do monte axudou a que ese dano fora menor. Nunha primeira avaliación preliminar, constatouse que o lume provocou o soflamado das copas das árbores, o que derivará na caída das follas que farán de barreira natural e protexerán o solo.

Na zona de monte raso constatouse unha superficie algo máis danada, que comprende entre un 5-10% da superficie total afectada, que precisaría algún tipo de actuación para rexenerar a zona e evitar posibles escorrentías.

Neste senso, cabe lembrar que noutras ocasións anteriores, a Consellería do Medio Rural recorreu a técnicas como o mulching ou o helimulching e, precisamente, a Xunta está a avaliar a aplicación desta técnica nas áreas máis afectadas.

Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente). Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.

Por último, cabe sinalar que non hai conexión directa entre as zonas afectadas polo lume e os ríos existentes na zona, o Lor e o Sil. De feito, os técnicos observaron que no fondo das vagüadas existe unha barreira natural de vexetación que evitaría calquera arrastre de cinzas aos cauces dos ríos.

Segundo as últimas medicións, o primeiro afectou unha superficie dunhas 1.580 hectáreas, tanto en Ribas de Sil como en Quiroga e A Pobra de Brollón, mentres o de Nogueira se sitúa nas 140 ha.

Para o control do meirande destes lumes se mobilizaron 15 técnicos, 49 axentes, 119 brigadas, 54 motobombas, 6 pas, 8 avións e 14 helicópteros, así como persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Mentres, en Nogueira, traballaron 6 técnicos, 21 axentes, 46 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.