
O Porriño | O Centro de Día de Atios está un pouco máis preto de facerse realidade coa aprobación no consello da Xunta do cofinanciamento das obras. Así, do total do investimento, 431.000 euros, a administración autonómica achegará 150.000 euros. Este mesmo mes de xuño publicarase a licitación para transformar o antigo edificio nun servizo de atención a persoas maiores.
“Os investimentos centrados nas persoas son fundamentais para O Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, que ten este proxecto como prioritario entre todas as obras proxectadas polo goberno municipal. “Comprometinme coa veciñanza de Atios a que terían un centro de día e a antiga escola unitaria do Covelo terá ese centro”, apunta Lorenzo, que sentencia ademais que seguirá “traballando e loitando para que todas as parroquias conten con todos e cada un dos servizos que tamén merecen, porque as parroquias tamén son O Porriño”.
Tras a correspondente tramitación administrativa ante a Consellería de Política Social e Igualdade, a administración autonómica cofinanciará o proxecto, o que permitirá que as obras de acondicionamento poidan comezar en breve no lugar do Covelo.
Un proxecto de rehabilitación integral
O proxecto técnico, redactado polo arquitecto Alberto Quintáns Arrondo, prevé a rehabilitación e adecuación funcional da antiga escola unitaria de Atios, un edificio construído orixinalmente en 1985 e que hoxe se atopa en desuso. O solar conta cunha superficie de parcela de máis de 2.700 m² e unha edificación que suma 318,08 m² construídos en planta baixa.
Así, entre as actuacións máis salientables da proposta inclúense espazos diáfanos incorporando o antigo pórtico cuberto da fachada posterior como espazo interior, transformando a nave central en dúas grandes salas totalmente diáfanas destinadas a sala de estar (64 m²) e sala multiusos (108,91 m²). A nave sur albergará catro aseos adaptados para os usuarios e unha sala de fisioterapia e curas de máis de 21 m², e na nave norte situaranse o vestíbulo de entrada (cun sistema de cortaventos), o despacho de administración, os vestiarios para o persoal e unha cociña con despensa e cuarto de lixo.
Para mellorar a accesibilidade, derrubaranse as rampas de acceso actuais para substituílas por unha nova plataforma horizontal. Ademais, modificarase a topografía do terreo para xerar unha pendente suave (inferior ao 6%), garantindo un itinerario totalmente accesible e seguro. Co visto bo ao cofinanciamento e os plans técnicos listos, a licitación sacarase este mes de xuño para converter a antiga escola de Atios nun equipamento social moderno e de proximidade.




