Até sempre Pepe.

Luns, 24 de maio de 2021. Hoxe Ponteareas amenceu cuberta por unha néboa de tristura e dor. Na escuridade da noite, a morte venceu ás ganas de vivir.

Implacábel e inclemente, así é sempre a morte. Pero cando chega antes de tempo e se leva por diante os soños pendentes convértese en cruel e inxusta. Hoxe, ao sentimento de perda que nos devora no máis fondo de nós mesmos, únese, inevitabelmente, a carraxe e rabia por unha morte que nos arrebatou a destempo e sen compaixón a Pepe Represas, o noso amigo e o noso Alcalde por sempre.

Nos últimos meses Pepe impresionounos pola súa coraxe e conmoveunos pola súa enteireza. Día a día, nunha amarga conta atrás, descubrimos admirados que trala súa extraordinaria afabilidade e sinxeleza se agachaba a maior das valentías: a que dá a forza necesaria para enfrontar e plantar cara á morte. Durante semanas combateu contra ela denodadamente da mellor das maneiras posíbeis: repudiándoa e ignorándoa. Até os seus derradeiros días non abandonou os seus proxectos e ilusións, continuou conxugando os seus desexos en tempo futuro, seguíu facendo plans con nós, programándonos reunións e encontros, e acudindo á Casa do Concello empurrado por un ánimo incombustíbel que arrollaba á súa cada vez máis mermada fortaleza física.

Abrumado pola perda e a dor, a nostalxia abrolla e viaxo no tempo buscando as miñas máis vellas lembranzas de Pepe. Nesa procura chego a 1999, cando o século XX tocaba ao seu fin nunha escura Ponteareas que aínda amosaba as súas vergoñas na súa Praza Maior cun obsceno monumento. Baixo o profético titular “Con ideas para o futuro” vexo ao mesmo Pepe valente e xeneroso destes días, dando a cara e comprometido naqueles tempos difícis cun proxecto político e un case imberbe candidato á alcaldía no que poucos acreditaban. E, malia a amargura deste desgarrador momento, gozo sabendo que aquel futuro que augurabamos chegou con Pepe Represas dezaseis anos despois, en 2015, e que aquelas ideas sementadas con agarimo agromaron e botaron vizosas raices da súa man coma Alcalde. El sabíao e con esa satisfacción do deber cumprido deixounos convencido, coma Raúl Alfonsín, de que “os homes pasan, as ideas quedan e transfórmanse en fachos que manteñen viva á política democrática”. Nós manteremos aceso e vivo o lume do facho de honradez, galeguidade e progreso que Pepe nos entregou onte. É o que espera de nós.

Pepe plantoulle cara e a morte non llo perdoou, ensañándose para levalo antes de poder ver esa Ponteareas soñada que era a súa razón de ser. Deixounos coa conciencia de ter sido un servidor público exemplar, marchou coa satisfacción de ter sacado a Ponteareas do pasado dándolle un novo futuro, mais a súa vida apagouse sen poder ver rematados os seus proxectos cos que ansiaba converter Ponteareas nun concello modélico. Pepe non verá xa o seu legado, é certo, pero nós veremos sempre a Pepe en cada un dos lugares nos que deixou a súa imborrábel pegada e a súa memoria sempre nos acompañará o resto dos nosos días. A morte foi vencida.

Até sempre Pepe. O teu amigo, Roberto Mera

Licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria social e política como cofundador do Grupo Ecoloxista Adenco en 1990. Actualmente exerce como avogado e politicólogo en Ponteareas e é concelleiro do goberno municipal desta localidade.