Asociación do Camiño Inglés promove actividades en Compostela e Sigüeiro

Con exposición e itinerario infantil

Santiago de Compostela | A sede de Afundación acolle desde esta mañá e ata o vindeiro 29 de abril a mostra “O debuxo é o Camiño. O Camiño Inglés”, unha exposición que nace do Camiño percorrido pola ilustradora catalá Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé, que no verán pasado contaron a súa experiencia no Camiño Inglés a través das súas ilustracións e redes sociais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira; a comisaria da mostra Gemma Sesar; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández; e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, participaron na inauguración da exposición que xurde con carácter itinerante, co obxectivo de percorrer o Camiño Inglés retratando deste xeito este itinerario a través das 25 ilustracións que compoñen a mostra, montadas en telas de alta calidade e que se mostrará en 22 caixas de luz de dobre cara, o que permitirá resaltar a calidade das imaxes.

Na súa intervención, Nava Castro, puxo en valor esta nova actuación, no marco do programa do Xacobeo21-22, e que se encadra dentro da iniciativa de Cadernos de Viaxe que se celebrou o ano pasado co obxectivo de achegar a diferentes artistas con distintos estilos ao Camiño de Santiago.  “Debuxo e Camiño volven darse a man nesta mostra, financiada integramente por Turismo de Galicia, e que agora podemos ver tan excelentemente expostas, afondando así na experiencia e na mirada que as ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, afirmou.

Satisfacción do peregrino
Pola súa banda, Manuel Mirás, asegurou que “como namorado que son do Camiño Inglés, teño que admitir que nun principio me sorprendeu moito volver a descubrir certos lugares do Camiño a través dos pinceis de Roisín e Maru. Pero o que máis me gustou foi a súa forma de falar desa experiencia, do Camiño, da súas paisaxes, da súa gastronomía e, sobre todo, das súas xentes”.

Mirás explicou que “iso é, precisamente, o que busca a Asociación do Camiño Inglés: que a xente que nos visite nese dobre Ano Santo desfrute tanto desta experiencia, que se convertan nos mellores embaixadores do Camiño aló onde vaian. E creo que tanto Roisín como Maru serán unhas magníficas embaixadoras do Camiño Inglés”.

Saída post- Covid en Sigüeiro
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés organizou o itinerario que percorreron unha trintena de nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, de catro anos de idade, na que foi a súa primeira saída escolar despois de dous anos de pandemia. A actividade organizouse en dúas quendas: un ás 10:30 e outro ás 12:00 horas.

En ambos os casos estiveron acompañados tanto polos seus profesores e profesoras como pola xerente e o técnico da Asociación, Cristina García e José María Ruzo. A camiñada comezou no primeiro sinal do Camiño, situada no Parque do Carboeiro, para continuar ata o memorial do cabaleiro peregrino Heinrich von Zug, de orixe suíza.

Neste punto, falouse da peregrinación na Idade Media e a vestimenta que se utilizaba, exemplificada cun traxe que a Asociación trouxera para a ocasión. O alumnado seguiu as cunchas amarelas ata chegar á fonte do proxecto Life Water Way, de recente inauguración no paseo dos Peregrinos Ilustres. Ademais de coñecer os personaxes máis relevantes do Camiño Inglés, tamén selaron a credencial de peregrinaxe. A Rúa do Camiño Real foi a seguinte parada, onde se explicou a importancia desta senda no pasado.

Finalmente, a guinda da excursión foi visitar o Albergue Camiño Real, onde os nenos e nenas puideron ver onde pernoitan as persoas peregrinas. A saída finalizou coa mostra dunha Compostela, o documento que certifica que se fixo o Camiño de Santiago. Foi neste momento cando un peregrino pasou pola zona e o alumnado do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro correu a saudalo.

O Camiño Inglés na Escola
A xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García Souto, explica que é interesante ensinar sobre o Camiño Inglés desde temperá idade xa que “os nenos e nenas son o presente e son o futuro”. Por este motivo, a Asociación está a traballar un novo proxecto: “O Camiño Inglés na Escola” que permitirá que os máis pequenos e pequenas poidan aprender sobre os valores, símbolos e significados do Camiño.

Pola súa banda, o profesorado do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro agradeceu a colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés para traballar contidos dentro do programa “ Vexo, vexo, Xacobeo”. Unha iniciativa educativa multidisciplinar de Axénciaa Turismo de Galicia que permite ao alumnado galego de infantil e primaria investigar sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo. Unha excursión con premio Antes de comezar a camiñada, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés vestiu aos alumnos e alumnas de infantil cun pano amarelo e azul, cos símbolos do Camiño e a Asociación.

Ademais, o Albergue Camiño Real premiou aos pequenos e pequenas cuns doces. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro entregou un detalle á Asociación como agradecemento pola organización e xestión desta saída escolar.