Asemblea Xeral da Transrománica en Monforte

Encontro internacional na defensa do patrimonio románico

Monforte de Lemos | Xosé Tomé, alcalde de Monforte de Lemos, participou no acto de benvida á Asemblea Xeral da Transrománica, que se celebra no Centro do Viño de Monforte. O encontro desta organización, recoñecida como Itinerario Cultural Europeo, reúne na nosa cidade a representantes de diferentes territorios europeos comprometidos coa conservación, a promoción e a difusión do patrimonio románico.

Na xuntanza participan de xeito presencial representantes da Deputación de Lugo, da Rota do Románico do Val do Sousa (Portugal), de Eslovaquia, do Concello de Zamora e da directiva da asociación, integrada polo seu presidente, Lars-Joern Zimmer, o tesoureiro, Frank Thaeger, e a xerente, Annemarie Schmidt. O resto das entidades membro participan na sesión mediante conexión en liña.

O rexedor monfortino deu a benvida aos asistentes e expresou a súa satisfacción por que Monforte sexa a sede desta Asemblea Xeral. “É un verdadeiro pracer darvos a benvida a Monforte de Lemos con motivo desta Asemblea Transrománica”, indicou, e lembrou que a incorporación da Deputación de Lugo á esta organización internacional foi impulsada polo propio rexedor durante a súa etapa como presidente da institución provincial, xunto coa deputada de Turismo, Pilar García Porto. “Foi un paso importante porque, para nós, formar parte desta rede supón un motivo de orgullo e tamén unha responsabilidade para seguir conservando e valorizando o noso patrimonio”, destacou.

O alcalde convidou aos participantes a descubrir Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra durante a súa estancia. “Agardo que, ademais das sesións de traballo, teñades a oportunidade de coñecer unha cidade con moita historia, marcada polo esplendor da Casa de Lemos, hoxe Casa de Alba, cun importante patrimonio monumental e unha contorna natural excepcional, como son os Canóns do Miño e do Sil, onde se desenvolve a viticultura heroica”, indicou.

Neste sentido, definiu Monforte como “a capital da Ribeira Sacra, un anaco de paraíso no interior de Galicia”, e animou aos asistentes a gozar do patrimonio, da paisaxe, dos viños e da gastronomía do territorio, convencido de que esta visita “lles deixará un magnífico recordo e fará que queiran volver con máis tempo e acompañados”.

Programa da Asemblea
Entre os asuntos a abordar nesta Asemblea está a elección da nova directiva para os vindeiros dous anos, así como a presentación de iniciativas e proxectos relacionados coa conservación e promoción do patrimonio románico nos distintos territorios integrantes da rede. A programación complétase cun amplo calendario de visitas para dar a coñecer aos representantes europeos o patrimonio histórico e cultural da Ribeira Sacra.

Na xornada previa á Asemblea visitaron o Colexio de Nosa Señora da Antiga, o Museo de Arte Sacra das Clarisas e o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino.

Xa pola tarde deste martes, os participantes desprazaranse ao Convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, á igrexa de San Estevo de Ribas de Miño e á igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, completando a xornada cunha visita a unha adega da Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.