As Xornadas de Folclore visitaron dezaseis concellos de Ourense

Participaron grupos de seis países

Ourense | Ribadavia puxo punto e final á XXXVII edición das Xornadas de Folclore, un festival organizado pola Deputación de Ourense e o Centro Cultural Xaquín Lorenzo co apoio da Xunta de Galicia.

Este festival volveu a situar á provincia de Ourense como punto de encontro da cultura global, con seis formacións procedentes de Chile, Colombia, Costa de Marfil, Indonesia, México e Timor Oriental visitando dezaseis concellos ourensáns: Bande, A Rúa, Carballiño, Celanova, Allariz, Maceda, Manzaneda, Castro Caldelas, Viana, Entrimo, Trives, Xinzo, O Barco, Verín, Ourense e Ribadavia.

A XXXVII edición tamén supuxo a volta á normalidade despois de dous anos de parón debido as restricións sanitarias, sumando en todas as citas unha asistencia masiva, rozando a ocupación plena dos asentos dispostos para o público en cada vila.

“O resultado é moi satisfactorio, porque a verdade é que estábamos desexosos de poder celebrar de novo este evento”, sinala o director artístico das Xornadas de Folclore, Xulio Fernández, recoñecendo a súa felicidade pola acollida que tiveron durante estes dez días tanto os artistas coma as propias xornadas, que xa miran cara o ano 2023.