As piscinas de Monterrei non estarán abertas este verán, sostén o PSdeG

“O PP vai volver condenar á veciñanza a non ter instalacións acuáticas en xuño”

O Pereiro de Aguiar | O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar denuncia a “preocupante situación” na que se atopan as instalacións acuáticas do complexo deportivo de Monterrei, tras comprobar como as obras do futuro parque acuático que está a executar o Goberno galego “apenas avanzan” e “acumulan un importante atraso na súa execución material”, polo que “será prácticamente imposible que estas piscinas estean operativas novamente o próximo mes de xuño, tal e como están a vender propagandísticamente desde a Xunta de Galicia e o Concello”.

“Logo de estar paradas durante moitos meses e de ter que ser licitadas por segunda vez, comprobamos con fonda preocupación como o PP vai volver condenar á veciñanza a non ter piscinas públicas este verán”, denuncia a edil socialista, Luisa Bravo, antes de incidir en que as piscinas xa tiñan que estar operativas o pasado verán segundo as previsións do propio PP, pero “van volver a deixarnos sen estas instalacións un ano máis”. A concelleira socialista recorda que “xa no seu momento o noso grupo municipal alertou desta situación e chegados a este punto de 2023, ás portas do verán, volvemos a atopar todas as instalacións pechadas e a medio construír”.

Desde o PSdeG-PSOE do Pereiro lamentan que “ante este prolongado peche que xa dura varios anos, os usuarios e usuarias vémonos agora na obriga de acudir a outros concellos para poder desfrutar das piscinas en verán”.

Os e as socialistas denuncian a “total” ausencia de “previsión” por parte do goberno galego, que en plena época estival mantén semiderruídas unhas instalacións que eran empregadas por máis de 70.000 usuarios e usuarias cada ano nos meses de verán.

“Moitas destas persoas eran do Pereiro, pero tamén doutros concellos da área metropolitana de Ourense, co que iso supón para o noso municipio no referente ao retorno económico”, asevera Bravo antes de recordar que “cando se presentou o proxecto do parque acuático, insistiron en que a execución por fases permitiría ter as piscinas operativas todos os veráns, pero a realidade é tozuda e desminte ao PP estío tras estío”.

Novos aparcadoiros
Bravo tamén explica que para a construción dos futuros aparcadoiros, no pleno municipal do pasado mes de abril, aprobouse iniciar o expediente para a expropiación forzosa –co voto en contra do PSOE– porque “non chegaron a un acordo cos comuneiros do monte”.

“Os e as socialistas defendemos que deberían facer estes novos estacionamentos noutro lugar e cremos, en base á Lei de Montes, que as expropiacións aprobadas non sairán adiante”, xa que, na súa opinión, “non hai un interese xeral que motive a expropiación forzosa, xa que realmente será un aparcadoiro privado que estará xestionado por unha empresa”

“Ante este carrusel de adversidades, atrasos e parálises, unha vez máis, reclamamos ao Partido Popular moita máis dilixencia con este proxecto”, insisten desde o PSOE. “O noso municipio vive un desleixo continuo por parte dos gobernos do PP, xa que non cumpren co prometido e teñen obras relevantes paralizadas durante anos”, denuncian antes de recordar que este proxecto fora anunciado por Alberto Núñez Feijóo en 2016 sendo presidente da Xunta, “pero sete anos despois seguimos sen parque acuático e, o que é peor, sen piscinas públicas”. “A falta de compromiso real da Xunta co Pereiro é moi preocupante”, conclúen desde o PSdeG-PSOE.