“As persoas necesitamos investigar para poder saber”

Juan Tallón | Autor de "Obra Maestra"

Juan Tallón (Vilardevós) acaba de sacar do prelo a súa novela Obra Maestra (Anagrama). Estamos diante dunha ficción que realmente aconteceu. O museo Reina Sofia en Madrid encarga una escultura ao artista norteamericano Richard Serra. A escultura metálica, de gran peso e volume, foi gardada un almacén de onde a roubaron. A partir de aquí, Juan Tallón recrea una serie de posibilidades arredor do suceso mediante a narración dalgúns dos personaxes deste relato.

Hai quen apunta un xogo entre o título da novela a peza artística protagonista deste libro. Vde buscaba este xogo cando escribiu a novela?
O título da novela ten unha dobre intencionalidade. Primeiro, fai referencia a unha escultura desaparecida que os críticos de arte cualificaban de obra mestra do minimalismo norteamericano dentro da súa xeración. Mais hai un momento no que un dos narradores da novela sinala que a obra mestra non é a peza artística senón o roubo. A isto fai referencia o título do libro, á peza artística en si e á súa substracción Sen deixar ningunha pegada. A escultura desapareceu e ninguén, nin desde a policía nin desde outra instancia souberon dar unha explicación. Como desapareceu? Quen a levou? Como a levou? Foi una desaparición perfecta e, por iso, un dos narradores a define como obra mestra.

Durante o traballo de investigación para esta novela, sospeitou sobre a intencionalidade do roubo, como por exemplo vender esa peza tan voluminosa entre outras posibilidades?
Cústame tomar partido por calquera das teorías que tentaron explicar este caso. A policía valorou por un momento que a peza puido ser substraída e cortada en diferentes pezas para vender, digamos, a materia prima. Aínda así, ningunha das teses elaboradas para explicar o que pasou é concluínte. Non se pode saber o acontecido con esa escultura, entón pódese pensar en que non foi destruída e segue existindo como tal. Todo é posible, nada é definitivo.

A pesar do xa dito quixera preguntarlle polos motivos que o moveron para escribir Obra Maestra.
Non sei se hai una razón explícita de por que os escritores acaban escribindo as novelas que escriben. Mais o feito de que a historia da escultura permanecese viva tantos anos despois, no aspecto de que non se puideron determinar os feitos e que por iso a escultura leva canda si un misterio de tanto tempo, todo isto empurroume a investigar unha historia que aínda está viva e non foi revelada. O misterio sempre nos atrae, tanto ten o contexto. Non ter resposta a determinados interrogantes fainos máis incómodos. As persoas necesitamos investigar para poder saber.

“O feito de que a historia da escultura permanecese viva tantos anos despois (…) empurroume a investigar unha historia que aínda está viva e non foi revelada”

É posible que esaxere, mais nos seus traballos parece querer buscar moito máis alá dos feitos.
Cando contar unha historia tamén tes que contar o seu contexto. No fondo, escribir una novela esixe escribir varias novelas dun xeito que non te centres só no principal, pois para contar o final debes prestar atención a outros elementos. A min gústame contextualizar certos temas e para iso debes traballar algunas cousas que, de primeiras, non son as que tratas mais permiten entender o tema principal da novela.

Tivo algún contacto co autor da escultura protagonista da súa novela, Richard Serra?
Falar con Richard Serra podía ser non estrictamente útil para a novela que estaba escribindo, porque aquilo que eu puidese ter logo dunha conversa dunha ou dúas horas co escultor non me daría toda a información necesaria para desenvolver esta novela. O que si me parecía realmente útil era seguir todas as entrevistas e artigos relacionados co artista. Todos eses datos eran para min unha fonte moito máis útil para a clase de novela que eu quería escribir. Escribir una reportaxe ou realizar una entrevista con Richard Serra sería moi interesante, mais eu quería escribir unha novela e ademais unha novela moi particular. Entrevistar a Serra podería satisfacer o meu ego ou a miña vaidade, mais eu aquí teño a vaidade do escritor e non a do xornalista. Por iso para min eran máis importantes as entrevistas e artigos feitos por terceiros durante 40 anos que aquilo que eu lle puidese sacar a Serra.

Ademais de seguir os traballos sobre o escultor, estudou os procesos de investigación realizados arredor de casos como os que describe na novela?
Non, eu fixen un seguimento da investigación relacionada con este caso. Estou familiarizado cos procedementos xudiciais, fun xornalista xudicial e de sucesos. Ademais puiden acceder á causa xudicial instruída naquel momento e, por tanto, si que houbo un traballo de campo, de investigación xornalística.

“A min gustaríame preservar o misterio, non quero saber nada sobre que pasou realmente con esta escultura”

Gustaríalle que coa súa novela se puidese resolver o misterio ou dar pé a unha nova investigación?
Non, a min gustaríame preservar o misterio, non quero saber nada sobre que pasou realmente con esta escultura. Eu escribín esta novela para dar a coñecer o que pasou e o que puido pasar. Para min é como preservar un truco de maxia, porque cando descubres como se fai ese truco, a maxia desaparece. Quero contar a maxia do misterio.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.