As obras de humanización da Praza de Bugallal inícianse este luns en Ponteareas

A actuación obriga ao Concello a adoptar medidas dirixidas a residentes, comercios, transportistas, taxis ou vendedores ambulantes


Ponteareas | Este luns día 26 darán comezo as obras de humanización da Praza de Bugallal, cuxo prazo de execución está establecido en cinco meses e nas que se investirán máis de 600.000 euros. Os traballos que se van executar afectan ao centro neurálxico de Ponteareas e inciden directa ou indirectamente nos residentes e comercios de nove rúas do casco urbano. Tamén afecta a servizos públicos como o de taxis, recollida de lixo ou emerxencias e a actividades como os servizos relixiosos da igrexa católica ou a venda ambulante que deberá ser novamente recolocada noutras zonas da vila.

“É probabelmente a obra de maior complexidade realizada en Ponteareas en décadas porque supón pechar durante meses o centro neurálxico da vila onde conflúen até oito rúas”, explica o concelleiro de Mobilidade Roberto Mera. O edil nacionalista sinalou que “desde a oficina da Policía Local e de Urbanismo avaliáronse todas as problemáticas que se van suscitar e preparáronse as medidas dirixidas a atenuar as molestias e trastornos que calquera obra sempre provoca, especialmente a residentes e comerciantes”.

Entre esas medidas figuran a creación de itinerarios peonís que garantirán o acceso a pé a todas as rúas así como a regulación do acceso rodado de residentes e usuarios de garaxes das zonas afectadas. Ademais relocalizaranse as zonas de carga e descarga actuais da Praza que pasarán aos tramos de Vidales Tomé e Morales Hidalgo máis próximos a Bugallal. Tamén se recolocarán os postos de venda ambulante que agora se situarán ao longo de toda a rúa Morales Hidalgo, Fernández Vega e República Arxentina e na Praza da Música. A parada de taxis trasladarase a Vidales Tomé e os sábados de mañá a Senén Canido. Os accesos rodados para servizos relixiosos que o precisen, como enterros, faranse por Reveriano Soutullo. Ademais establecéronse novos itinerarios para o servizo de recollida de residuos.

O luns realizarase o valado perimetral da praza incluindo a rúa situada diante da Igrexa e cortarase o tráfico xa desde Morales Hidalgo en dirección a Bugallal e desde esta praza en dirección Senén Canido. Na segunda fase dos traballos o tráfico quedará cortado na rúa Constitución e en Vidales Tomé. Mera explica que a zona libre de tráfico como consecuencia das obras será básicamente a que se corresponde coas feiras e mercados dos sábados agás ao redor do auditorio onde o tráfico circulará con normalidade exceptuando os propios días de feiras.

Para minimizar o impacto das obras, o goberno local prevé a próxima creación dun aparcamento en Sarmiento Rivera, que contará con preto de 300 prazas de estacionamento. O Concello tamén está traballando xa na ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia cunhas 50 prazas máis. Mera lembra que o aparcadoiro de Santa Ana se atopa a 2 minutos de Bugallal, os de Granitos, Rosalía de Castro e o futuro de Sarmiento Rivera a 4 minutos e os de Avenida de Castelao, Azorín e Amado Garra a 5 minutos. “Son máis de 700 prazas de aparcamento situadas a menos de 5 minutos camiñando da Praza de Bugallal”, lembra Mera, quen pide a veciñanza e comercio local “comprensión e colaboración. Paga a pena porque en cinco meses teremos unha nova Praza de Bugallal que suporá un novo paso decisivo na mellora da calidade de vida na vila de Ponteareas”.

Publicado o 23 Out 2020 en Ponteareas, Portada, Urbanismo.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!