“As nosas prioridades son recuperar a Deputación e asegurar as vitorias de Feijóo e Rueda”

Luís López Diéguez | Presidente do PP Pontevedra e Delegado da Xunta de Galicia

Luís López Diéguez (Rodeiro, 1978) foi elixido en xullo pasado como novo presidente do PP pontevedrés, substituíndo así ao actual presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Alcalde de Rodeiro durante dez anos, onde é popularmente coñecido como “O Lugués”, López Diéguez traza como metas recuperar para o PP a Deputación de Pontevedra, propiciar o cambio en España con Alberto Núñez Feijóo e asegurar con Rueda a quinta maioría absoluta na Xunta de Galicia.

Acaba de ser nomeado como presidente do PP de Pontevedra. Substitúe así a Alfonso Rueda, actual presidente da Xunta. Que retos se presentan nesta nova etapa?
Presenteime ante os afiliados do PP con tres obxectivos claros e ambiciosos: seguir reforzando as xuntas locais do partido nos 61 concellos, coa mirada postas nas municipais do ano próximo; contribuír desde esta provincia ao cambio necesario en España con Alberto Núñez Feijóo; e, por último, pero non menos importante, revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia en 2024 con Alfonso Rueda.

Eleccións Municipais 2023. Pode o PP desbancar ao PSdeG-PSOE da Deputación de Pontevedra?
Non vai ser unha tarefa fácil, pero é posible. Desde o PP non renunciamos a ningunha alcaldía. Traballaremos para trasladar os bos resultados conseguidos nas últimas eleccións autonómicas a todos os concellos da provincia. Gañando nos concellos conseguiremos devolver á Deputación un goberno que aposte porque esta institución volva á súa esencia, que é dar resposta e apoio aos pequenos e medianos concellos da provincia. Nestes anos a Deputación converteuse nunha institución ao servizo da propaganda de Carmela Silva.

“A Deputación converteuse nunha institución ao servizo da propaganda de Carmela Silva”

Eleccións Xunta 2024. Ve factible a quinta maioría absoluta consecutiva para o PPdeG?
A cidadanía galega leva anos apostando pola estabilidade e o crecemento que garante o Goberno do Partido Popular na Xunta. E a nosa intención non é outra que facelo ben, e seguimos traballando desde Galicia, para e por Galicia sen descanso. E si o facemos ben, iso querrá dicir que volverán a apoiarnos e seguirán apostando por quen ofrece solucións e respostas aos principais retos e necesidades dos galegos.

Foi alcalde do Concello de Rodeiro. Que balance pode realizar desta etapa?
Foi unha época moi ilusionante da que gardo grandes recordos. Para un apaixoado da política municipal coma min, ser alcalde do teu concello durante dez anos, traballar para mellorar a vida dos teus veciños e manter ese contacto diario coas persoas é moi satisfactorio.

Finalmente, moitos o coñecen a Vde. como “o lugués”. Pode comentarnos por qué?
É o alcume da familia, como se nos coñece en Rodeiro. Alí non son Luís López, son o Lugués, coma o meu avó, meu pai e o meu irmán. Se preguntas por Luís López quizáis ninguén me recoñeza, agora ben, como O Lugués, non hai dúbida.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.