As Neves celebra con éxito a XV Feira do Viño Tinto das Rías Baixas

Con niveis de asistencia e de vendas anteriores á pandemia
Nesta edición se presentaron caldos de once adegas.

As Neves | Centos de persoas acudiron este martes 12 de outubro á ‘XV Feira do Tinto Rías Baixas’, nas Neves, para gozar dos viños presentados por once adegas, seis delas con stand propio na Praza Maior. Esta edición, acompañada por un día inmellorable, recuperou un formato máis semellante ao de outros anos, logo de que en 2020 non fose posible a súa celebración pola pandemia da COVID.

As primeiras estimacións da organización apuntan a que este ano superouse o número de visitantes da última edición, a de 2019 e, os datos, aínda provisionais, indican que as vendas de viño estaban por riba dos de entón.

Os asistentes gozaron do viño, das propostas gastronómicas dos restaurantes, bares e dos ‘funtracks’ instalados no centro das Neves, e participaron nas actividades, seguindo as medidas de proteción, como a limitación do aforo, o uso de máscara e a separación de seguridade.

A festa estaba xa cara ao público ás 11 da mañá, seguindo a programación, coa apertura de postos no centro da vila, os reservados ás adegas, na zona de exposición, o concerto da Coral Polifónica Santa María e o pregón, a cargo de dous destacados veciños das Neves: a xornalista Sara Vila, galardoada co ‘Premio Illa Nova de Narrativa 2021’, e o artista Pablo Méndez, ‘Premio Xove Empresario de Galicia 2021’.

Sara Vila
Sara Vila asegurou sentirse agradecida por participar nun “rencontro histórico” e quixo recoñecer a entrega e o traballo das coidadoras, enfermeiras e médicas, caixeiras, que estiveron á fronte da resposta á COVID.

Centenares de persoas acudiron á XV edición da Feira do Viño Tinto das Rías Baixas no Concello das Neves.

Vila reivindicou o seu orixe en Tortoreos e gabou o “talento” das mulleres das Neves, que fixeron, dixo, que as súas fillas e netas fosen á universidade e loitasen por ter unha vida mellor.

A xornalista amosou a súa admiración polo “talento das Neves, un concello de menos de 4.000 habitantes con grandes contadores, con matices como a retranca, o humor, un vocabulario extenso, e unha cultura literaria da que son herdeira”.

Pablo Méndez
Pablo Méndez lembrou a nenez pasada en Rubiós onde, aos 8 anos, aprendeu música e soubo que quería ser artista, “algo que levo no ADN”. Nesta parroquia aprendeu, subliñou “que un nevense pode ser astronauta”, que ser das Neves é máis que un orgullo e que en cada montaxe, en cada novo proxecto, en cada espectáculo que emprende “hai un anaco das Neves”.

Méndez rematou o seu pregón agradecendo o esforzo e a entrega dos emprendedores, do pescadeiro, o dono da ferretería o do bar, o panadeiro ou o propietario do local de electrodomésticos, “gracias a estes emprendedores das Neves que decidiron gipotecarse, traballar domingos e festivos e loitar contra a pandemia, eles son os que crean emprego e os que aseguran o futuros das Neves, grazas por darnos valor a todos”.

Verbas do alcalde
Pechou o acto o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, acompañado do primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e o resto do goberno municipal, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcarcel, a deputada provincial, ana Laura Iglesias, o xerente do GDR, Francisco González, e o seceretario da D.O Rías Baixas, Ramón Huidobro.

“Temos sorte nas Neves de aliarnos coa terra, a auga a e sol para crear unha sociedade e diversa e fixémolo confiando en nós”, apuntou o alcalde. Así mesmo, amosouse emocionado polo reencontro,”voltamos a vernos logo dun tempo cego no que aprendemos e melloramos”. Lembrou ás persoas que quedaron atrás e puxo as adegas coma exemplo de “estandarte e escaparate” das Neves e dos seus viños.