
O Porriño | O Porriño prepárase para celebrar as súas grandes festas patronais cunha programación ampla e diversa que se estenderá ao longo de todo o mes de setembro. O programa das Festas do Cristo 2026 combina música en directo, grandes verbenas, citas deportivas, humor e actividades para toda a familia, distribuídas polas rúas e prazas do municipio.
A praza Arquitecto Antonio Palacios, a rúa Domingo Bueno ou o aparcadoiro da rúa Progreso serán os puntos neuroálxicos da música. Aínda que, segundo anunciou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “aínda quedan importantes sorpresas por desvelar”, destacan xa no cartel das festas interesantes artistas como SÉS, co seu directo cheo de enerxía (venres 25); Uxía, que chega cos seus útlimos traballos e os grandes temas de sempre (domingo 20), ou Ialma que traen desde Bélxica (venres 11) a forza das súas pandeiretas.
Nas verbenas non faltarán as orquestras máis aclamadas de Galicia: a París de Noia actuará o venres 25, a Panorama porá a bailar ao público o luns 28 e El Combo Dominicano pechará os grandes días de festa o domingo 4 de outubro.
Para o público máis mozo e amante da música urbana e electrónica, a axenda inclúe citas como a XII edición do Montando Cristo Festival (sábado 3 de outubro) con HONGO, IN WE FALL, THE PRETTY SHIRTS ou MALKEDA Ademais volve o Dabuten Remember Festival (sábado 26 e o Louro Valley Festival (venres 25). Os cabezas de carteis de estes eventos, sorprenderán e atraerán, seguro, moito público.
Volve tamén o concurso “Tés talento”, “unha oportunidade ademáis para atopar novos valores”, apunta o concelleiro de Festas Beni Estévez.
Ademais cada semana ven cargada de actividades infantís: obradoiros, maxia, música, contacontos….
Humor, Tradición e Pregón
O humor terá un papel protagonista con actuacións de primeiro nivel: David Amor (xoves 24), Xosé A. Touriñán (sábado 26) e David Puerto (xoves 1 de outubro). O acto central do inicio oficial das festas terá lugar o sábado 26 de setembro ás 13:30 h co pregón a cargo da bailarina e actriz Janet Novás. Ese mesmo día celebrarse o II Festival Cristo de Bandas. Os actos relixiosos e procesionais concentraranse o domingo 27 coa Misa Solemne en honra ao Santísimo Cristo da Agonía.
Deporte, Gastronomía e Comercio
A axenda inclúe un forte compoñente deportivo con eventos xa consolidados como a XIV Milla Porriñesa (domingo 13), a IV Carreira de Empresas – XV Interrunning (domingo 20, con inscricións xa abertas), así como torneos de fútbol base (Atios Cup), baloncesto e ciclismo. O broche de ouro volverá ser gastronómico coa XXXIII Edición da Festa dos Callos, que se celebrará o domingo 4 de outubro nos establecementos hostaleiros da vila.
Todos os clubes participantes, así como representantes da hostalaría porriñesa e o grupo de goberno acompañaron este sábado ao Alcalde na presentaciñon da programación que luce xa nunha lona xigante frente ao Concello.
Janet Novás será a pregoeira
A bailarina, performer e actriz Janet Novás será a pregoeira do Cristo 2026. A porriñesa, Premio Nacional de Danza 2025 e Premio Goya á Mellor Actriz Revelación por O Corno, subirá ao balcón do Concello do Porriño o 26 de setembro ás 13:30 horas para dar o pistoletazo de saída oficial das festas na súa fin de semana grande.

Natural de Cans, e sempre vinculada ao municipio, a bailarina asegura “que o Concello pensase en min e me tivese en conta para dar o pregón este ano faime moitísima ilusión. Ademais, máis alá do persoal, paréceme unha imaxe preciosa que unha bailarina dea o pistoletazo de saída ás festas do seu pobo. Que sexa unha bailarina a que dea comezo á festa e abra a pista de baile para toda a súa xente paréceme moi poético e ten, ademais, un significado moi especial para min”.
Da mesma idea é o alcalde Alejandro Lorenzo, que pon en valor a importantísima carreira artística desta muller “que nunca deu as costas ao Porriño e que segue velando polos grandes proxectos do municipio. De feito, agarda vela pronto actuar no novo auditorio, unha infraestrutura a piques de estar rematada e que xa visitou a propia Novás contribuindo incluso no seu deseño interior.
Janet Novás, ademais dun Premio Nacional de Danza e un Goya, foi recoñecida tamén co Premio Ojo Crítico de RNE e o Premio da Crítica de Cataluña. Desde 2008 desenvolve os seus propios proxectos de danza e performance. No seu traballo, o corpo é orixe e materia da creación. Desde a intuición, a emoción e o animal, constrúe unha fisicalidade que transita entre a introspección e o desbordamento, buscando a través do movemento aquilo que aínda non tomou forma na palabra. As súas creacións presentáronse en festivais e espazos nacionais e internacionais de gran prestixio.
Paralelamente desenvolve a súa traxectoria como actriz. Tras protagonizar O Corno, participou en Romería, de Carla Simón, e Harta, de Julia de Paz. Actualmente desenvolve o seu traballo entre a danza, o cine e a pedagoxía.
Pregoeiros porriñeses
Janet continúa así a senda marcada polo Concello do Porriño, no que sempre son personalidades do municipio, ou moi vinculadas con el, as encargadas de protagonizar o Día Grande das Festas. Así, o ano pasado, foron as xogadoras do Balonmán Porriño as pregoeiras; Juaniña, a centenaria costureira porriñesa, foino en 2024; o elenco de Teatro Fontevella deu o pregón das Festas do Cristo 2023; e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, foi o pregoeiro das Festas do Cristo 2022. “Hai moita xente destacada desde municipio -explica o alcalde-, moitas vivencias, lembranzas e historias que cada ano trascenden nese pregón. Sen dúbida, unha das citas destacas das festas”.
Convocatoria para campañas comerciais
O Concello do Porriño convoca a todos os comerciantes do municipio a unha reunión que terá lugar o vindeiro martes, 8 de setembro, ás 9:30 horas no salón de plenos para tratar, entre outros asuntos, as campañas anuais que organiza o consistorio. A cita servirá tamén para escoitar as propostas e necesidades dos comerciantes.. “A nosa intención é seguir potenciando o comercio local, fonte de vida e de riqueza da vila”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que pide a todos os establecementos que acudan para poder ser escoitados.




