
O Porriño | O pleno do Concello do Porriño aprobou amortizar os préstamos para pago de facturas irregulares de gobernos anteriores con cargo ao remanente líquido de tesourería obtido da liquidación do exercicio económico do 2025.
O voceiro municipal, Carlos Martínez, explicou que o anterior goberno municipal deixara “no caixón” 5,4M€ en facturas, das que a través dos xulgados ou de revisión contable demostráronse irregulares case 3M€. O resto, 2,7M€ pagáronse a través de créditos ICO, que son os que se liquidan con este acordo plenario. O pleno tamén aprobou investimentos para as parroquias, atención social, tecido asociativo, deporte, cultura e á creación de novos espazos para a veciñanza.
BNG: “incremento da débeda municipal ”
O concelleiro do BNG Pedro Pereira denunciou a xestión económica do Alcalde Alejandro Lorenzo, caracterizada polo aumento do gasto e da débeda sen melloras na calidade de vida. Alertou dos sobrecustos (obras na Pío XII e Campo da Feira), contratos a dedo e falta de rigor, gastando máis de 12M€, recorrendo a préstamos bancarios por varios millóns adicionais e utilizando remanentes de Tesourería herdados de gobernos anteriores. Pereira criticou que, a día de hoxe, o Alcalde “non presentou nin sequera un borrador dos orzamentos de 2026”.




