
Ponteareas | As Comunidades de Monte de Ponteareas e Arcos organizan este sábado 16 de maio unha xornada ambiental dirixida á eliminación de flora invasora no monte da Picaraña. O punto de encontro para as persoas interesadas en participar é a Casa Cultural de Arcos ás 16:00.
A actividade consistirá no descortizado manual de acacia negra (Acacia melanoxylon) e as persoas que desexen participar deben inscribirse previamente no correo electrónico parroquiadearcos@gmail.com ou por whatsapp no teléfono 628367616. Recoméndase ás persoas participantes que veñan provistas de luvas de tea ou coiro, roupa e calzado axeitado, mentres que a organización facilita a ferramenta manual a empregar na actividade, un peto identificativo, auga e bocadillo.
A técnica do descortizado consiste en retirar a pel ou cortiza da acacia aproximadamente dende un metro de altura até a súa base o que, nunha porcentaxe moi elevada dos casos, acaba secando a árbore. O monte comunal da Picaraña, na superficie pertencente á veciñanza de Ponteareas e Arcos, presenta un importante problema de proliferación de acacia negra, tamén coñecida como acacia australiana.
Segundo María Xesús Rodríguez, presidenta da CMVMC de Ponteareas, “as comunidades temos localizadas todas esas áreas afectadas e o noso obxectivo é conseguir, de forma planificada, erradicar a flora invasora a medio e longo prazo, combinando a actuación de voluntariado ambiental con traballos contratados polas propias comunidades”.
Pola súa banda, o presidente da CMVMC de Arcos, Roberto Mera, explicou que a actividade do vindeiro sábado “enmárcase na preparación dun programa de voluntariado ambiental que será presentado públicamente en datas próximas, unha vez concluamos o actual proceso organizativo e legal. O voluntariado do Parque Forestal da Picaraña que estamos a artellar desenvolverá a súa acción en catro liñas de actuación e obxectivos: a potenciación da flora autóctona, a prevención de lumes forestais, a eliminación de flora invasora e a eliminación de resíduos”.




