Artistas da lusofonía celebran o recoñecemento de Ponte…nas Ondas! pola UNESCO

O próximo día 13 de febreiro no marco do Día Mundial da Radio

Vigo | Ponte…nas ondas! presentou unha xornada de comunicación para o próximo día 13 de febreiro, Día Mundial da Radio, que terá a radio como protagonista, en todas as súas
modalidades.

Máis de 40 centros educativos realizarán os seus programas desde diversas emisoras de
radio, preto de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a
Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebrando xuntos o Día Mundial da Radio.

O luns 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e norte
de Portugal, realizaranse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias
da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da
Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga serán os centros
emisores a onde asistirán moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o farán outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de
Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Allariz, Radio Fene, Radio Burela, Radio As
Nogais. Desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén farán
programas de radio en directo.

Desde o portal ESCOLAS NAS ONDAS realizarase as emisións de todos os puntos por
streaming (www.escolasnasondas.com) das emisións de Vigo, Compostela e demais
radios.

Tamén serán emitidos os preto de 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están
chegando procedentes de todas as escolas.  Na rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, participou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto cos representantes de Ponte… nas ondas! Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía.

Púxose de relevo a importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo
de Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co
Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio
nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a
desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha
potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o
recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.

Unha xornada de Radio Actividade
A vicerreitora desculpou a ausencia da Decana da Facultade de Comunicación da
universidade de Santiago de Compostela, tamén participante na xornada do día 13 e
manifestou que desde a Universidade de Vigo levan xa 15 anos colaborando con Ponte…
nas ondas!

Destacou que é unha grande oportunidade para a UVIGO “un día de radio que traerá ata
o campus a ducias de escolares que terán así a oportunidade de coñecer por primeira vez
este lugar”. O portavoz da Xunta, Anxo Lorenzo, engadiu o orgullo que supón para Galicia
“este fermosísimo proxecto entre Galicia e Portugal que foi quen de conseguir o rexistro
de boas prácticas da UNESCO”.

Santiago Veloso, agradeceu o apoio técnico de UvigoTv e do equipo da Facultade de
Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Destacou que o labor de
Ponte…nas ondas! integrando o patrimonio inmaterial no sistema educativo a através da
radio foi recoñecido pola UNESCO como un modelo de boas prácticas para todo o
mundo.

Xerardo Feijoo destacou que se van combinar as emisións en directo desde as radios dos
centros educativos coa emisión en streaming a través do portal Escolas nas Ondas das
emisións de Vigo, Compostela e demais radios, así como dos podcasts enviados polas
escolas galegas e portuguesas elaborados polo alumnado especificamente para o Día
Mundial da Radio sobre a temática proposta pola UNESCO “Radio e paz”. O patrimonio
cultural inmaterial contribúe ao diálogo e o respecto entre as persoas. Nese sentido
comentou que xa se recibiron máis de 70 podcasts e que serán máis do dobre os que se
reciban antes do día 13.

“A Ponte”, un himno homenaxe para Ponte…nas Ondas
PONTE…NAS ONDAS! estrea o tema musical e o videoclip “A Ponte”, realizado por
diferentes artistas da lusofonía. “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de
tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da
iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César, a
portuguesa Celina da Piedade ou o mozambicano Cheny Wa Gune, entre outros. “É un
tema no que se mesturan moitos ritmos, que se queda na cabeza e agardamos que ese
día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro”, destacou Uxía.

A orixe desta letra xurdiu nunha gravación en Lisboa en 2010 á que asistiron Uxía e
Sérgio Tannus para gravar o “cantar galego” de Zeca Afonso co seu sobriño João Afonso,
a primeira colaboración musical galego-portuguesa que xa fora emitida na xornada
radiofónica do ano 2000.

Cando se achegou o 25 aniversario de Ponte…nas ondas! en 2020, dixo Uxía, “voltamos a
retomar a letra e rematouse a composición con gravacións en estudio mais a pandemia
impediu a súa estrea. A melodía é unha síntese de ritmos galegos, portugueses, africanos
e brasileiros con samba, morna ou muiñeiras, entre outros”.

Agora, unha vez que Ponte…nas ondas! foi inscrita na UNESCO como modelo de boas
prácticas co patrimonio cultural inmaterial, os artistas da lusofonía queremos dar a
coñecer tamén as nosas boas prácticas e render unha emotiva homenaxe a Ponte…nas
ondas! que é xa un modelo para o mundo.

A PONTE desde Galiza, Portugal, Brasil e Moçambique
Participan no tema musical, Sérgio Tannus (guitarra, percusión), Ana Senlle (pandeireta), Chico César (voz), Celina da Piedade (acordeón e voz), Cheny Wa Gune (timbila e voz) e
Uxía (voz).

VIDEOCLIP:
https://youtu.be/w9DwcAi4DiY

DESCARGA DO VIDEOCLIP
https://drive.google.com/file/d/1K4RveHyw6p4p7FYViraVBHW-pq8tVFdo/view?
usp=share_link

DESCARGA DO AUDIO DO VIDEOCLIP
https://go.ivoox.com/sq/1824611