Arranca o Mes da Diversidade sexual-afectiva no Concello de Ribadumia

En colaboración coa Asociación Gotas

Ribadumia | O Concello de Ribadumia informa de que no día de onte se colgou a bandeira LGTBI na balconada da casa consistorial, símbolo que por terceiro ano ven a poñer o punto de partida ós actos do Mes da diversidade sexual-afectiva no Concello de Ribadumia e que se organizan en colaboración coa Asociación Gotas.

As seguintes actuacións nesta programación están relacionadas coa educación, sendo os talleres da diversidade os que centren as actividades na educación secundaria e despois na escola de verán.

Está aberto o prazo de reserva de butaca para o Cine na rúa coa película “PRIDE”, a proxección terá lugar o próximo día 26 na Carballeira de Barrantes as 22 horas. As inscricións poden facelas no teléfono 695187667 en horario de 9 a 14 horas de luns a venres ata o próximo día 23 de xuño.

O 28 de xuño as 20 h terá lugar a inauguración do “punto gotas” un espazo libre e diverso onde estarán situados tamén os bancos da diversidade. Neste mesmo acto lerase o manifesto.

Tamén poden inscribirse os que desexen asistir ó coloquio que tera lugar o 30 de xuño da man da Asociación Arelas “realidade trans”, neste caso pódeno facer a través do correo asociaciongotas@gmail.com

“Ribadumia segue sendo un concello pioneiro na reivindicación dos dereitos LGTBIQ+”

Ribadumia segue sendo un concello pioneiro na reivindicación dos dereitos LGTBIQ+. Actividades lúdicas, formativas e reivindicativas, forman parte dunha programación que, por riba de todo, busca facer unha chamada pola tolerancia e a igualdade de dereitos nun mundo cheo de persoas diversas.