Arranca a previa do Festival de Cans cunha retrospectiva do cineasta Kléber Mendonça Filho

Este xoves 26 de agosto no Auditorio de O Porriño

O Porriño | A XVIII edición do Festival de Cans, que se celebra do 1 ao 4 de setembro, comeza a pendurar o cartaz de “Entradas Esgotadas”. Para a Gala Final, coa entrega de premios e máis o concerto de Ses, xa non quedan sitios dende hai días.

O mesmo que para a Noite Lasal dos Videoclips, na que tamén actuará a banda viguesa de rock Moon Cresta, ou para os filmes dese día no Centro Cultural. Tanto para “Beiras, vivir dúas veces”, dentro da Tarde Coira, como “Donde acaba la memoria”, de Pablo Romero, esgotaron xa dede hai días as entradas con inscrición previa.

A proxección de “Donde acaba la memoria” complementarase cun coloquio co público do historiador Ian Gibson, quen protagoniza o documental. Esta actividade levantou unha enorme expectación, e o Festival decidiu celebrar outro encontro con Gibson no Torreiro de Cans. Será o venres, 3 de setembro ás 12,30 horas. O coloquio ten un aforo limitado e tamén será preciso inscribirse na web do Festival de Cans para asistir.

Retrospectiva de Kleber Mendonça
As primeiras actividades da edición máis internacional do Festival comezan mañá xoves. E fano cunha das propostas de maior relevancia nesta edición do certame: a retrospectiva internacional que o Festival de Cans adícalle ao cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho. É a segunda vez na historia na que o Festival programa unha retrospectiva internacional, despois da adicada en 2019 ó cineasta alemán Hannes Stöhr.

Os pases serán no Auditorio do Centro Cultural Municipal do Porriño, dotado de aire acondicionado. A asistencia é de balde pero baixo rexistro obrigatorio para garantir o control de asistencia e a seguridade.

Á esquerda, a placa conmemorativa de Kléber Mendonça na XVIII edición do Festival de Cans.

Hai que inscribirse para cada unha das sesións enviando un correo electrónico a inscricions@festivaldecans.com. O prazo remata este xoves, 26 ás 15,00 horas. Só se quedase aforo dispoñible poderá facerse a posteriori a inscrición no mesmo Centro Cultural, antes da proxeción de cada filme.

“Mendonça retrata na súa filmografía as alegrías e as penas da clase media brasileira”

Mendonça retrata na súa filmografía as alegrías e as penas da clase media brasileira. O seu é un cinema construído dende unha ollada profundamente social e política.

Na retrospectiva adicada ao cineasta, poderanse ver as 3 longametraxes coas que Mendonça gañou o apoio de público, crítica, e festivais internacionais. Mañá xoves ás 20 horas proxéctase o seu filme debut, “O son do Arredor” (Os Ruídos de Recife) (2012). O venres (20h), o público poderá ver “Aquarius” (Dona Clara) (2016), cunha impresionante Sonia Braga como actriz protagonista. O filme foi seleccionado na competición oficial de Cannes e nomeado aos Cesar  Awards. “Bacurau” (2019),  co dirixida con Juliano Dornelles e que recibiu o Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019 proxéctase este sábado ás 12 horas.

No pase deste 26 de agosto, Mendonça Filho participará por videoconferencia. Súmase á presentación da retrospectiva. Uns días despois chegará a Cans: o venres 3, ás 20.30 horas, estará presente na retrospectiva das súas curtametraxes, unha actividade de balde pero baixo rexistro obrigatorio que se celebrará no Baiixo de Bugarín.

O sábado 4 de setembro ás 12 horas, manterá un coloquio co público do Festival no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río. A penas quedan entradas.

Música
Polo momento, quedan entradas para ver as curtametraxes da competición oficial de ficción e animación nos jalpóns, e para algunhas seccións paralelas, aínda que na sección de non ficción están tamén a piques de esgotarse na tenda en liña do Festival: https://tenda.festivaldecans.com/.

No que respecta ás actuacións musicais, están a piques de esgotarse tamén as entradas para o concerto de Maika Makovski, e quedan as últimas para as agardadas actuacións de Chisme e Marco Maril (Apenino), cun aforo de 40 localidades. Ademais, no Torreiro comparecerá en sesión vermú Acordeireta con só 80 prazas dispoñibles.