Áreas peonís máis inclusivas en Ponteareas

Con acceso para persoas de mobilidade reducida

Ponteareas | Coincidindo co pintado e colocación de mobiliario urbano en numerosas rúas peonís do centro urbano de Ponteareas, o Concello lembra que as persoas con mobilidade reducida están autorizadas a acceder en vehículo a esas áreas, podendo parar en calquera lugar, o máis próximo ao seu destino. Esa parada será polo tempo imprescindíbel para realizar as súas xestións.

Cos traballos executados estes días procedeuse ao borrado das antigas prazas de mobilidade reducida, pois resultan innecesarias ao estar permitida a parada en calquera lugar da área peonil.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, sinala que “leste é un dereito das persoas con mobilidade reducida contemplado na ordenanza municipal de mobilidade, que entrou en vigor o pasado mes de marzo”. As persoas que fagan uso do devandito dereito deben exhibir dentro do vehículo e nun lugar visíbel a tarxeta acreditativa correspondente. A Policía Local poderá comprobar que o uso sexa o correcto e non fraudulento.

O Concello fai fincapé en que ese dereito limítase á realizar unha parada polo tempo necesario. As persoas con mobilidade reducida que desexen deixar o seu vehículo estacionado por tempo máis prolongado deben empregar as prazas sinalizadas especificamente fóra da área peonil. Neste sentido, o Concello prevé crear nas vindeiras semanas unhas 10 prazas novas de mobilidade reducida a carón dos accesos ás áreas peonís. Deste xeito as persoas con mobilidade reducida poderán deixar os seus coches e desprazarse por unha zona libre de vehículos que facilita a súa accesibilidade.