Ana Miranda critica a visita de Feijóo a Uruguai

Ante o desinterese da Xunta de Galicia ante o peche da Casa de Galicia en Montevideo

Aldea Global | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica que o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, viaxe esta fin de semana a Uruguai, -onde manterá un encontro no Centro Gallego de Montevideo-, tras o seu total desinterese pola pervivencia da Casa de Galicia, que sufriu o desmantelamento do seu patrimonio sociosanitario e cultural nos últimos, patrimonio levantado por emigrantes galegos hai máis dun século.

“Estamos diante dun caso máis do cinismo de Feijóo, que non moveu un dedo para garantir o mantemento do patrimonio da Casa de Galicia de Montevideo nin se interesou polos colectivos afectados polo seu desmantelamento”, manifesta Ana Miranda.

A eurodeputada nacionalista o pasado mes de marzo visitou as instalacións da Casa de Galicia e mantivo diversos encontros cos colectivos de afectados, tanto usuarios como persoal.

Segundo a eurodeputada nacionalista, “é lamentable que Feijóo deixara tirados aos afectados polo desmantelamento desta institución centenaria creada `por emigrantes galegos” nun proceso carente de transparencia “moi parecido a unha gran estafa”. Miranda lembra que o propio goberno da República Oriental do Uruguai confirmou que o Goberno galego se negou a axudar nesta difícil situación, malia que llo pediron.

Ana Miranda acusa ao goberno galego que dirixiu Feijóo de “deixazón de funcións” polo seu desinterese no papel de mediador para salvagardar o patrimonio da Casa de Galicia, levantada en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos.

Este centro converteuse posteriormente nun lugar emblemático, xa que foi a sede do Consello de Galicia, é dicir, o goberno galego no exilio.

Ademais, ao longo de máis dun século de funcionamento esta institución converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural.

Iniciativas continuas
De feito, ademais de presentar iniciativas no Parlamento Galego para salvagardar o patrimonio cultural da Casa de Galicia, o BNG tamén instou ao goberno galego para facerse cargo da continuidade da cobertura sanitaria das socias e socios galegos que tiveran problemas coas súas derivacións a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde de Uruguai. “No BNG non viaxamos cando se aproximan períodos electorais, como fan outros, imos para coñecer de primeira man os problemas das persoas e buscar solucións dialogadas con todas as partes”, conclúe a eurodeputada do Bloque.