Alternativa por Mondariz (AporM) pide ao Concello a reapertura da piscina municipal

Reclama seguir o exemplo dos Concellos de Covelo, As Neves ou A Cañiza

Mondariz | Xoán C. Montes Bugarín -Calis-, portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) vén de rexistrar un escrito solicitando a reapertura da piscina municipal do Pé do Muíño “neste verán”.

Calis sinala que as medidas sanitarias que están a adoptar tanto o goberno de España como o goberno da Xunta de Galicia van no sentido de relaxar, de forma progresiva, as restricións (uso da máscara, utilización dos espazos públicos, etc), de forma que “o escenario que se presenta é moito máis favorable que o que vivimos ata agora, facendo viable a recuperación da vida social que vivimos antes da pandemia”.

O líder da oposición mondarizá pídelle ao goberno municipal que mire a concellos como Covelo, As Neves ou A Cañiza, que abrirán as súas piscinas nas próximas semanas, “o que conecta coa demanda da veciñanza de Mondariz, que está a vivir agora unha onda de calor que volverá con máis forza nos meses de xullo e agosto”.

AporM pídelle ao goberno local que “adopte todas as medidas de seguridade necesarias para dar este servizo este verán, controlando a capacidade de acollida e limpando as instalacións coa periodicidade necesaria, sobre todo os vestiarios”.

Montes Bugarín avoga porque Mondariz vaia recuperando pouco a pouco a normalidade da vida social, o que pasa por recuperar servizos públicos como o da piscina municipal. Deterioro das instalacións.

“Montes Bugarín avoga porque Mondariz vaia recuperando pouco a pouco a normalidade da vida social”

O portavoz municipalista sinalou tamén que “se este verán non abre a piscina, sumará dous anos pechada, o que provocará o deterioro das instalacións, de forma que, cando reabra en 2022, as obras que haberá que acometer con cargo ao orzamento municipal serán maiores.