Altamente alabado seas, Ahmed.

Hai uns días que cheguei dunha viaxe a Londres que organizaron uns compañeiros de traballo. O aeroporto quedaba a unha hora do apartamento. Era media noite e a única solución era coller un taxi.

Cando chegamos ao destino, a casa non aparecía. O propietario non collía o teléfono. Demos varias voltas á mazá ata que nos decatamos de que a multinacional Booking, a empresa que xestionaba o aloxamento, acababa de deixarnos tirados no medio da nada.

O agobio empezou a cundir entre nós. O taxímetro xa estaba parado. Había que deixar marchar ao taxi e buscar unha casa fantasma, co risco que iso supuña, ou volver de novo ao aeroporto. Mentres facíamos chamadas e tentamos atopar unha solución, o taxista agardaba con calma. Non nos meteu presión, a pesares de que estaba perdendo cartos cada minuto que pasaba.

Como vía que non dabamos resolto o problema, pola súa conta púxose a facer chamadas a hoteis do centro da cidade, para ver se estaba dispoñible algunha habitación e así non pasar a noite á intemperie. Co seu rudimentario inglés falou con varios recepcionistas. Logo de tres chamadas tivemos a sorte de que o traballador do hotel que estaba ao outro lado do teléfono era compatriota de Ahmed. Entre os dous atoparon a solución ao embrollo no que nos vimos envoltos.

Booking deixounos tirados. O señor Attenborough tamén.

Quen nos salvou preocupándose por nós?

Pois si, dous inmigrantes pakistanís. Dous pakis, como alí lles chaman de xeito pexorativo. Cun inglés básico pero suficientemente comprensible, tratounos cunha amabilidade exquisita. En varias ocasións preguntounos se estabamos cómodos no coche, se queríamos subir ou baixar a temperatura do aire acondicionado ou pedirnos permiso para facer unha chamada telefónica á súa muller.

“Esta anécdota, dificilmente sensibilizaría aos asinantes dese principio racista, chamado Prioridade Nacional”

Esta anécdota, dificilmente sensibilizaría aos asinantes dese principio racista, chamado Prioridade Nacional (los españoles primero), unha aberración xenófoba que PP e Vox están perpetrando alí onde gobernan con políticas que converten a vida dos foráneos nun calvario.

Ou mesmo sería humillante, para calquera votante de Vox ou PP, ver como un inmigrante con acento estranxeiro evitou que pasase unha noite ao raso como nos puido pasar a nós. Se lle sucedese a Abascal, por exemplo, próximo vicepresidente de España, ao día seguinte sería capaz de dar un mitin, como xa fixo, e alentar a violencia cara os “invasores”, de ameazar con fundir barcos que os rescatan cando intentan cruzar o mar ou de non condenar a cacería de marroquís en Torre Pacheco.

Calquera simpatizante de PP e Vox, que tanto se orgullecen da Prioridade Nacional, debería vivir unha experiencia coma esta, que non deixa de ser unha mera anécdota se a comparamos con cruzar África de sur ao norte para logo botarse ao mar porque no seu país de orixe non teñen asegurado o sustento.

Gracias, Ahmed, por facer honra ao teu nome.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.