Alcaldesa de Ponteareas convidou ao Conselleiro de Sanidade a visitar o centro de saúde

Para comprobar o estado actual deste servizo

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, convidou ao Conselleiro de Sanidade a acompañala a unha visita ao centro de saúde de Ponteareas.

Co convite, Cristina Fernández pretende que “o conselleiro se entere de que no centro de saúde faltan como mínimo 7 médicos e médicas para ter os 15 que figuran no seu cadro de persoal e que son, ademais, insuficientes”.

Ademais, segundo a rexedora, “con esa visita o conselleiro poderá comprobar que agora xa non existen consultas pola tarde e as 8.000 persoas que tiñan médico ou médica asignada nesa quenda e non poden acudir polas mañás vense obrigadas a colapsar o servizo de urxencias para ser atendidas”.

A alcaldesa cualificou de “broma de mal gusto” que o conselleiro anuncie un médico máis para o centro de saúde cando hai 8.000 pacientes sen médico ou médica asignada e carece de case o 50% do persoal médico que debería ter.

O conselleiro realizou o anuncio nunha reunión de partido, coa candidata do PP á alcaldía Nava Castro, un feito que, segundo Cristina Fernández, evidencia que “para a Xunta a saúde das persoas é un asunto electoral e se quitan ou poñen médicos e médicas segundo haxa ou non eleccións”.

“Que non comunicase ao Concello ese anuncio e que presente como un logro un posíbel médico ou médica máis é unha falta de respecto, pero non a esta alcaldesa, senón á veciñanza de Ponteareas e, sobre todo, ás persoas que soportan o desmantelamento co centro de saúde de Ponteareas e da sanidade pública”, asegurou a rexedora.