
Amoeiro | Agustín Gómez Bóveda, enxeñeiro de formación e ensinante de profesión, ven de ser elixido candidato do BNG á Alcaldía do Concello de Amoeiro nas eleccións municipais previstas para maio de 2027. O deputado Iago Tabarés, comezou a súa intervención agradecendo “todo o traballo feito polo compañeiro Eri ao longo dos últimos anos”.
Tabarés destacou “o gran compromiso social e político de Agustín e do resto das compañeiras e compañeiros da agrupación local, pois veñen traballando desde hai moito tempo e o seguirán facendo pero a partir do ano que ven xa dentro da institución pois como BNG non nos pomos límites”.
Pola súa banda, Cristina Pulido, membro da Agrupación local de Amoeiro, puxo en valor o traballo feito “por todas as persoas que estiveron e están no BNG ao longo de todos estes anos” e engadiu “levamos a cabo un proceso de renovación a través do cal a Asemblea local decidiu escoller a Agustín Gómez como candidato”.
Cristina fixo fincapé “no compromiso de Agustín con Amoeiro, o seu bo facer e a súa capacidade de traballo polo que as compañeiras e compañeiros do BNG cosideramos que deixamos Amoeiro nas mellores mans”.
Agustín Gómez Bóveda quen comezou agradecendo ás compañeiras e compañeiros “a confianza que depositan en min” ao que engadiu “asumo esta gran responsabilidade con moitas ganas de traballar e con moita ilusión”. En relación a cales van ser as prioridades do BNG de cara aos vindeiros meses e, sobor de todo, de cara ás eleccións municipais de maio de 2027, Agustín Gómez sinalou que unhas das reflexións feitas ten que ver con “que cambiou no Concello de Amoeiro nos últimos catro anos e o certo é que non vemos ningún avance significativo en ningún ámbito”.
“Se avaliamos todas as áreas municipais vemos como non hai melloras nin cambios significativos na atención ás persoas maiores ou dependentes, non vemos facilidades para a conciliación laboral e familiar, tampouco vemos melloras no tocante á prevención dos lumes forestais, algo que está a xerar moita inquedanza entre a veciñanza e tampouco vemos melloras no transporte, unha demanda do BNG nos últimos anos”.
O candidato fixo tamén mención especial á falla de liderado do Concello “neste ano tan especial desde o punto de vista cultural pois conmemoramos o ano Oteriano, o ano dun dos máis ilustres veciños de Amoeiro. Botamos de menos campañas de divulgación da súa figura pois seguramente moita xente non o coñece coa profundidade que debera”. Gómez incidiu en que desde o BNG de Amoeiro “levamos moitos anos en contacto directo coa sociedade de Amoeiro, contacto e traballo que intensificaremos nos vindeiros meses para coñecer máis polo miúdo as demandas e as inquedanzas da veciñanza de cara a conformar a mellor candidatura e o mellor programa posible pensando en maximizar as moitas potencialidades que ten o noso concello”. Agustín Gómez no centro da foto.




