Agora Ourense: “Gonzalo Pérez Jácome non pode seguir como alcalde de Ourense”

Baltar e Jácome son a cara da mesma moeda, segundo o BNG e para o PSdeG o Concello é empresa privada do alcalde

Ourense | O candidato á Alcaldía por Agora Ourense, Toño Naval, vén de pronunciarse sobre os audios que desvelan a conversa de Gonzalo Pérez Jácome para que dous policías recoñeceran como propia unha multa por unha infracción súa co vehículo oficial. A formación considera que Jácome debería asumir responsabilidades de maneira inmediata.

“Gonzalo Pérez Jácome non pode seguir nin un segundo máis ao fronte da Alcaldía de Ourense”, afirma o candidato de Agora Ourense á alcaldía, Toño Naval. A candidatura que aglutina a diferentes organizacións da esquerda ourensá considera “moi grave” a conduta de Jácome que “quixo coaccionar a dous policías para asumir en primeira persoa unha infracción súa”, tal e como se pode escoitar nos audios desvelados hoxe.

Segundo Toño Naval “dende o minuto un, a conduta de Jácome vén sendo impropia dunha institución como o Concello de Ourense, pero hoxe confirmamos que, ademais, actúa como un trileiro intentando enganar á cidadanía, primeiro empregando unha táctica mafiosa con dous funcionarios, e logo endosándolle a multa a un amigo”. Afirma Agora Ourense que “Jácome debería dimitir, aínda que de sobra sabemos que é incapaz dun mínimo xesto que honre o cargo que ostenta”, polo que Toño Naval está convencido de que “o próximo 28 de maio será a cidadanía ourensá a que faga dimitir a Jácome en diferido”.

Denuncia do BNG
As explicacións dadas polo actual rexedor do Concello de Ourense Gonzalo Pérez Jácome en canto se soubo que o vehículo municipal adscrito á Alcaldía e que conduce habitualmente el, fora multado nunha rúa de Vigo circulando a máis velocidade da permitida nunca convenceron ao Grupo municipal do BNG.

No día de hoxe, e a través dunha serie de audios nos que o propio Jácome “presiona” a dous funcionarios para que algún deles asuma a sanción e polo tanto se identifique como o condutor do coche aquel sábado pola noite, corroboraron, para o BNG, ditas sospeitas.

O portavoz e candidato á Alcaldía Luís Seara, estivo acompañado esta mañá no Xulgado de Garda pola deputada Noa Presas e polo deputado Iago Tabarés.

Seara ten claro que “os audios revelan uns feitos presuntamente delictivos, motivo polo cal vimos de presentar unha denuncia no Xulgado de Garda”, e engade, “son feitos que creo coñecía toda a sociedade de Ourense a respecto de que naquela noite de autos o coche oficial do Concello era conducido por Gonzalo Pérez Jácome”.

Segundo Seara, esta información revela dúas cousas moi importantes para o BNG: “a primeira elas que o alcalde de Ourense mentiu de forma reiterada e deliberada en numerosas ocasións aos requerimento dos grupos da oposición que representamos ao conxunto da veciñanza polo que a pregunta que nos facemos é cantas veces máis nos terá mentido este alcalde?”.