Adxudicada a redacción do proxecto da depuradora de Moscadeira en Ponteareas

Cun contrato valorado en 8 millóns de euros

Ponteareas | O consello de administración de Aguas de las Cuencas del Estado, ACUAES, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, adxudicou por 8 millóns de euros o contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora da estación depuradora da Moscadeira.

Entre as catro ofertas presentadas, ACUAES seleccionou finalmente á UTE Pesa Medioambiente S.A. – S.A. de obras y servicios, COPASA. A partir de agora o prazo previsto para que Ponteareas conte coa nova depuradora é de 30 meses, xa que inclúe cinco meses para a redacción do proxecto construtivo, 19 meses para a execución de obra e outros 6 meses para a posta en marcha das instalacións.

Cun investimento total de 14,1 millóns na depuradora e os colectores, segundo recolle o convenio entre Concello, ACUAES e Xunta de Galicia, esta actuación foi declarada de interese xeral do Estado e beneficiará a unha poboación de 20.000 habitantes equivalentes.

Desconvocada folga do lixo
Tras unha reunión de máis de cinco horas mantida entre a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, a empresa concesionaria e representantes sindicais a última hora deste martes desconvocábase a folga xeral de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo en Ponteareas.

As partes chegaron a un principio de acordo sobre a negociación dun novo convenio que permita mellorar as condicións laborais e salariais do persoal antes de que remate a vixencia do actual documento, o vindeiro 31 de decembro.

O día 11 de outubro todas as partes volverán reunirse para seguir traballando na concreción deses acordos.

O Concello asegura a viabilidade urbanística do novo Centro de Saúde
O Goberno municipal de Ponteareas aclarou de xeito firme e tallante que “non existen dificultades urbanísticas para a localización do novo Centro de Saúde” na parcela escollida polo executivo local ao pé da N-120 dentro do núcleo urbano.

Segundo a alcaldesa Cristina Fernández Davila, “grazas ao novo PXOM sacado adiante o pasado ano polo goberno que presido, contamos cunha inmellorábel parcela para acoller o futuro Centro de Saúde, ao pé da N-120, a carón do acceso ao barrio de San Vicente e Canedo e dentro do casco urbano”.

Por outra banda, ante informacións nas que se asegura que a Xunta coñeceu a localización dos terreos a través da prensa, o Goberno local do BNG-PSOE lembra que en abril o equipo técnico da Consellaría e do Concello, xunto á propia alcaldesa e varios concelleiros, visitaron a parcela, coa pertinente comunicación á Xunta que, segundo o goberno ponteareán “sabe dende maio cal é a parcela, tanto por comunicacións escritas do Concello como por ter sido visitada polos técnicos e o conselleiro”.