ADETO anima ás empresas a participar en “Regala Tomiño”

Con bonos personalizables para agasallar aos seus empregados

Tomiño | ADETO, asociación de empresas de Tomiño, pon en marcha para este Nadal a iniciativa Regala Tomiño para que as empresas da contorna poidan agasallar aos seus empregados con vales de compra no comercio e servizos de Tomiño.

A asociación ofrece os bonos Regala Tomiño como alternativa ou complemento ás cestas e a outros aguinaldos que adoitan regalarse no Nadal permitindo que o importe e a cantidade dos vales sexa elixida por quen os adquire. Os bonos preséntanse nunha caixa cos vales desexados e o listado de establecementos onde empregalos.

Dende a asociación recalcan que se trata dunha oportunidade de facer “un regalo que contén moitos regalos” pois os vales poderán empregarse en multitude de comercios, negocios de hostelería e servizos de todo o tipo.

Con esta iniciativa, ADETO pretende fortalecer o vínculo das empresas locais coa contorna por estes bonos “son un regalo para quen recibe os vales pero, por extensión, tamén para o veciño, a nai ou o amigo que teñen un negocio en Tomiño”.

Os bonos xa están dispoñibles para a súa adquisición e poden reservarse contactando con ADETO por teléfono ou a través do seu correo electrónico.