ACiP: “Ponteareas ten un goberno roto”

Criticou a xestión económica do bipartito

Ponteareas | O voceiro de Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACiP) Juan Carlos González Carrera, considerou que o goberno bipartito BNG-PSDEG-PSOE “é un goberno roto, xa non é unha coalición”.

Carrera convocou a unha rolda de prensa na sede de ACiP o pasado 4 de marzo para fixar posición sobre a actualidade política e económica en Ponteareas, en particular ante o borrador dos orzamentos presentados polo goberno bipartito BNG-PSdeG-PSOE e que foi remitido a tódolos grupos municipais.

Considerou Carrera que este tema ven derivado dos requisitos anteriormente establecidos polo Ministerio de Facenda onde “o Concello de Ponteareas sae no listado no que están na obriga de facer un plan de axustes por romper o equilibrio económico e por non cumprir cos requisitos” do ministerio no relativo ao pago das facturas dos provedores desde 2021. “Temos claro que estamos diante dunha situación económica moi grave” e que, por tanto, esixiu a aprobación inmediata do Orzamento 2022, tal e como lle obriga o ministerio de Facenda. “Levamos catro meses de retraso con iso”.

Tamén fixo referencia ás “informacións cada vez máis públicas” sobre as “diferenzas dentro do goberno local do BNG e do PSOE, que eran mais que evidentes nos derradeiros meses á vista dos concelleiros da Corporación” e que agora “non son capaces de xestionar portas adentro”. Esas diferenzas “prexudican o día a día dos veciños de Ponteareas na xestión que debería facer un goberno local”.

Así mesmo, indicou “que ACiP é unha alternativa e que temos a liberdade de negociar con quen queramos porque non temos as mans atadas e non nos debemos a ninguén de arriba”.
ACiP estableceu tres eixes de prioridades para este 2022: social, económico e emprego.

No eido social, pedindo cambios nos protocolos dos servizos sociais do Concello, unha partida de 50.000€ a través dunha bolsa de vivenda social e que o Concello negocie coa Xunta de Galicia o relativo ao Centro da Terceira Idade e o Centro de Día.

No relativo ao eido económico, pediu o control da débeda que ten o Concello “que agora mesmo ronda os 15 millóns de euros”, esixindo acabar coa política de pedir préstamos: “non apoiaremos ningunha hipotecación do Concello”. Tamén pediu acabar coa privatización dos servizos e recuperar a condición de que Ponteareas sexa un referente na xestión dos servizos municipais con persoal público.

Finalmente, en materia de emprego, solicitou a convocatoria nos próximos seis meses das 47 prazas vacantes en servizos públicos “que non supoñan un custe engadido ao borrador do orzamento xa presentado”, así como novas prazas para actualizar o persoal de emerxencia no parque de bombeiros, Medio Ambiente, Vías e Obras e medidas eficaces para axudar ao comercio e hostalería. Rexeitou tamén a medida prevista polo goberno bipartito de aplicar a recadación nas terrazas.